A última xornada informativa, con entrada libre ata completar aforo, terá lugar ás 18.00 horas, no Vello Cárcere, grazas á colaboración da Asociación Galega de Linfedema e Lipedema.
- Tema

O ciclo de Saúde Feminina, impulsado pola área de Muller, Igualdade e Inclusión, está a chegar ao seu fin, cunha última xornada informativa sobre o lipedema, unha enfermidade progresiva do tecido graxo que afecta case exclusivamente a mulleres e que se caracteriza por unha acumulación de graxa patolóxica, principalmente, en brazos e pernas. Coincidindo co mes dedicado ao lipedema, este ciclo ofrecerá unha charla informativa o luns, día 9, no Vello Cárcere, a partir das 18.00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
A concelleira de Muller e Igualdade do Concello de Lugo, Ángeles Novo, asegura que “trátase dunha enfermidade pouco coñecida no noso país, polo que é importante darlle visibilidade ao tempo que se fala dos hábitos de vida saudables que poden axudar no seu tratamento, de aí que contemos coa colaboración da Asociación Galega de Linfedema e Lipedema para esta actividade”. Con esta charla, péchase un ciclo centrado na saúde das mulleres, que desde o mes de marzo acolleu varias sesións nas que se abordaron, por exemplo, a saúde das coidadoras, a perimenopausaia e a menopausia, o dano cerebral adquirido na muller ou a sáude bucodental, entre outras.

