A Alcaldesa de Lugo reúnese con 80 emprendedores nun almorzo de networking para trazar conxuntamente novas liñas de apoio

Lara Méndez, acompañada da edil de Desenvolvemento Local, aproveitou este novo encontro co tecido empresarial para escoitar as súas propostas, solicitudes e demandas.

Méndez lembrou as diferentes actuacións que o executivo puxo en marcha ao longo deste mandato para facer fronte á crisis da Covid-19 e impulsar a recuperación post-pandemia.

Mércores, 26 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa de Lugo reúnese con 80 emprendedores nun almorzo de networking para trazar conxuntamente novas liñas de apoio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión este mércores con 80 emprendedores e emprendedoras da cidade no marco do almorzo de networking organizado polo Concello no CEI Nodus, a través da área de Desenvolvemento Local e Emprego, que dirixe a edil Ana Abelleira, para poñer en valor o talento local e establecer novas sinerxias e proxectos comúns entre as empresas do municipio.

A rexedora aproveitou este novo encontro co tecido empresarial lucense para escoitar as súas propostas, solicitudes e demandas “que teremos en conta para trazar e elaborar as novas liñas de actuación e apoio aos diferentes sectores produtivos da cidade”, indicou. Así mesmo, Méndez lembrou as accións postas en marcha polo executivo municipal ao longo deste mandato, marcado pola crise sanitaria e económica provocada pola Covid-19.

Neste senso, a alcaldesa lembrou que “o Concello de Lugo foi pioneiro na implantación de medidas coas que facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia, poñendo en marcha iniciativas destinadas a manter os postos de traballo no municipio e axudar ás pemes e emprendedores da cidade, facilitándolles, así mesmo, formación para a súa dixitalización e a mellora do seu rendemento unha vez puideron reabrir as portas dos seus negocios”.

Entre outras actuacións, Méndez mencionou a posta en marcha do Plan Reanima co que o Concello inxectou preto de 3 millóns de euros entre autónomos, pemes e familias; a axilización do pago a provedores do Concello para aportar liquidez ao tecido empresarial; a exoneración de pago de alquileres a emprendedores dos viveiros municipais, e aos comerciantes da Praza de Abastos; e tamén das taxas das terrazas da hostalería, decisión que se mantivo ao longo do 2021; ou a creación da plataforma Abrindo Lugo: plataforma para a venda de produtos por Internet cando os establecementos estiveron pechados.

Estas medidas complementáronse cunha ampla oferta formativa coa que o executivo municipal buscou dotar das ferramentas necesarias para a dixitalización e impulso dos negocios trala pandemia. Así, púxose en marcha a formación Lugo Seguro: cursos de formación nos comercios e na hostalaría para xerar confianza na clientela, aos que se sumaron máis dun centenar de establecementos; activouse a plataforma Fórmate Lugo con 850 participantes e 50 cursos dirixidos a desempregados, persoas afectadas por ertes e autónomos con cesamento de actividade; e realizouse tamén unha formación de comercio en liña e márketing dixital dirixido ao pequeno comercio onde participaron mais de 350 empresas.

Así mesmo, da man da EOI impulsouse a celebración do primeiro Coworking on line, do que xurdiron as primeiras 15 empresas nadas en pleno confinamento da pandemia, e púxose en marcha un proxecto piloto en España, Relanza a túa empresa no escenario Covid-19, do que se beneficiaron máis de 300 autónomos e pemes.

Co gradual levantamento das restriccións sociais, promovéronse accións de apoio ao comercio de proximidade, con medidas para fomentar as súas vendas e co lanzamento dunha estratexia de tardeos -para crear unha cultura de lecer máis familiar e en horario máis temperán- e de mercadillos, en diferentes barrios da cidade.

Por outra banda, lanzouse o Plan Reactiva, co que o executivo inxectou un millón de euros entre 540 autónomos e 243 empresas; púxose en marcha a Mesa para a diversificación industrial do municipio; e activouse a campaña Localmente Lucense, que incluiu un Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial, a través do que 687 comerciantes e hostaleiros de todos os barrios de Lugo recibiron formación en diferentes ámbitos como administración e xestión, atención ao cliente, marketing, compras, comunicación, informática, promoción ou venta, en outros. Esta campaña tamén contemplou un Plan de dinamización de barrios, coa realización de actividades de ocio e lecer como tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento.

Finalmente, Méndez lembrou que o colofón a todas estas actuacións foi a posta en marcha da estratexia Lugo Transforma, “un fondo público emprendedor para participar nos sectores que consideramos estratéxicos no noso modelo de cidade, de vangarda e sostible”. Deste xeito, Lugo Transforma é unha estratexia pioneira en Galicia no ámbito municipal, coa que se están a mobilizar 13 millóns de euros para a captación de novos investimentos para a cidade de Lugo, co fin de atraer empresas, talento e crear emprego sostible.

Almorzos de negocio

Os almorzos de negocio foron, así mesmo, unha iniciativa de gran éxito ao longo do ano pasado, enmarcados na campaña Localmente Lucense. Neste senso, Lara Méndez subliñou a vontade do executivo de “darlle continuidade a esta iniciativa, que supón unha gran oportunidade para xerar lazos e crear novas sinerxias e contactos que poden ser de gran utilidade no día a día dos participantes”.

Noticias relacionadas