A Xunta rexistrou hoxe no Concello os informes de Patrimonio aos proxectos do centro de saúde da Residencia e a demolición do Xeral

Dúas semanas despois de anuncialo, Sanidade presentou tamén a solicitude de licenza para o derrubo do pavillón central

Xoves, 08 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Dúas semanas despois de anuncialo o delegado da Xunta na provincia, a Consellería de Sanidade vén de presentar este mediodía no Rexistro do Concello os informes favorables de Patrimonio aos proxectos de construción do centro de saúde integral da Residencia e de demolición do Xeral, para o que tamén achegou solicitude de licenza. O Goberno ratifica a total disposición da entidade local, como fixo dende un principio, a colaborar en todo o posible para que poidan saír adiante canto antes as actuacións anunciadas pola Xunta hai case ano e medio no barrio. Así llelo trasladou a Alcaldesa, Lara Méndez, aos representantes da asociación veciñal da zona na reunión que mantiveron o pasado martes, momento no que aínda non entrara no Concello a citada documentación.

Así mesmo, o Executivo estará vixiante para que a Xunta cumpra os seus compromisos coa veciñanza da Residencia, despois da incerteza que xerou a paralización, pola porta de atrás, do procedemento administrativo para ampliar os usos dos edificios do complexo, que a día de hoxe seguen sendo sanitarios, co cal, das 6 actuacións que alí prometeu, na actualidade só se pode construír o centro de saúde integral. Sobre os motivos deste parón, o Goberno galego deu ata tres versións distintas en quince días. Ademais, nos Orzamentos do 2019, para o centro integral de saúde, a Xunta do PP consigna 5,25M€, pero non fai unha previsión de investimento para os seguintes anos. Tampouco contempla de xeito nominativo ningunha partida orzamentaria para o derribo do pavillón Xeral.

Noticias relacionadas