A viaxe a Montmeló, todo un éxito entre a mocidade lucense

Luns, 07 de abril de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

É obrigatorio presentar a documentación que acredite o empadroamento ou que se está a traballar o estudar na cidade

Hoxe, luns 7 de abril, rematou o prazo para inscribirse á viaxe ao Gran premio de España de Fórmula 1 organizado pola Concellería de Xuventude que dirixe Carmen Basadre.

O Concello quere facilitar aos mozos e mozas de Lugo afeccionados a este deporte a posibilidade de asistir o vindeiro 27 de abril ao circuíto de Montmeló que acollerá a proba nacional máis importante de Fórmula 1, e gozar dun evento desta magnitude en primeira fila.

Máis de 70 rapaces de entre 18 e 35 anos de idade apuntáronse para participar nesta viaxe, demostrando previamente que se atopan censados, estudando ou traballando na cidade. Mañá celebrarase o sorteo para cubrir as 50 prazas desta viaxe que lles permitirá asistir tanto aos adestramentos como ao Gran Premio, que se desenvolverá entre o 24 e o 27 de abril por un prezo de 100 euros.

Esta viaxe englóbase dentro das actividades organizadas pola Concellería de Xuventude para a mocidade lucense de cara aos vindeiros meses. Este programa pretende proporcionar á xuventude lucense unha serie de actividades coas que ocupar o tempo de lecer dun xeito saudable e poder compaxinalo cunha formación útil para incorporarse ao mercado laboral, como os cursos de monitores e monitoras de tempo libre ou de linguaxe de signos.

Noticias relacionadas