A actuación, que terá un prazo de execución de 6 meses, permitirá aos locais e vivendas destes edificios dispoñer dun itinerario adaptado dende a vía pública
- Tema

A área de Urbanismo trasladaba esta mañá, á Xunta de Goberno, a autorización para mellorar as condicións de accesibilidade nas Galerías da Avenida da Coruña, de xeito que os locais comerciais e os portais do edificio de vivendas dispoñan dun itinerario adaptado dende a vía pública, suprimíndose ademais a praza de estacionamento que existe actualmente na rúa do Esquecemento. Unha intervención orzamentada en 17.103’39€ e que terá un prazo de execución de medio ano.
Igualmente foi aprobada a licenza para a reestruturación e ampliación dun inmoble na rúa Nova no que o baixo se destinará á actividade de Lavandería e as dúas plantas altas e o baixo cuberta a tres vivendas. O proxecto terá un custo de 117.562’27€ e os promotores disporán de 30 meses para executalo. Ademais, na reunión de hoxe, validouse a demolición dun edificio na rúa Juana Ibarborou por importe de 6.611’57€.
Noutra orde de cousas, entre os asuntos abordados polo executivo local figuran varias regularizacións tributarias. En dous casos procedeuse a xirar a liquidación polas taxas de Servizos Urbanísticos e o ICIO correspondentes a obras xa realizadas e, noutros dous, á devolución das cantidades cobradas polo Concello ao non terse realizadas as actuacións solicitadas.
Por último, acordouse adiar até o 31 de xaneiro de 2020 o prazo previsto para que as entidades e particulares que houberan solicitado subvencións no eido da Xuventude poidan xustificar as actividades desenvolvidas.