A unha semana do peche do Hospital Xeral, o Concello vólvelle reclamar á Xunta que manteña en uso o edificio

Martes, 25 de xaneiro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello volveulle reclamar hoxe á Xunta de Galicia que lle dea algún uso ó edificio do Hospital Xeral que nunha semana quedará baleiro. Esta mañá comezou o traslado de doentes ó HULA e prevese que a vindeira semana o Hospital Xeral quedará baleiro e “a Xunta de Galicia aínda non dixo que vai facer con el”, segundo salientou o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso.

“Parécenos moi ben que anuncien que haberá vixilancia no edificio, iso evitará algún problema pero non é dabondo”, sinalou o Concelleiro quen fixo un recordatorio das numerosas iniciativas que leva tomado o Concello para evitar que o edificio quede abandonado cando deixe de funcionar o vello Hospital. E tamén destacou que tanto as asociacións de veciños como o barrio da Milagrosa teñen reclamado que se lle dea un uso ó edificio porque, segundo dixo, ”o Hospital vello pode chegar a converterse nun problema grave para a zona e hai moitos negocios no barrio da Residencia cuxo futuro vai depender da decisión que se tome”.

González Dopeso manifestou que “os gobernos están para gobernar e tomar decisións así que eu pídolle á Xunta que goberne, que faga algo porque esta especie de parálise non leva a ningures”.

O Concelleiro lembrou que Lugo necesitan prazas para a terceira idade e a atención ós nosos maiores “é unha necesidade real e desque se comezou falar deste tema tiveron tempo dabondo para pensar”.

Lino González instou á Xunta a facer as xestións que foran precisas e a negociar co INSS para seguir facendo uso do edificio “unha vez que saiban que é o que queren facer con el e agardamos que non tarden dous ou tres anos en decidir”. Ademais sinalou que no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal non hai problema ningún para manter o edificio como equipamento dotacional.

Multimedia

Noticias relacionadas