Un grupo de rap abre unha serie de concertos gratuítos na Casa da Música

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Un grupo de rap inaugura esta tarde na Casa da Música un ciclo de concertos de grupos que ensaian neste marco e que están inscritos no censo de grupos musicais do Concello.

Alex W e Eukore presentarán esta tarde a súa música ante o público lucense a partir das oito e media da tarde. Este concerto ofrece un segundo significado para a Casa da Música, creada non só como lugar de ensaio dos grupos, senón tamén como lugar de concertos gratuítos.

Así o anunciou hoxe a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, quen falou do éxito que está a ter este lugar de reunión. Actualmente 39 grupos están censados, dos que 14 ensaian na Casa da Música. Tres máis están a realizar os trámites, polo que “quedará ocupado todo o horario disponible para ensaio”, dixo.

Tamén están en marcha varios cursos de música, para os que están todas as prazas cubertas. Ademais, tiveron que aumentar o número de cursos dalgunhas especialidades como percusión e guitarra, xa que agora se celebran dous no primeiro e tres do segundo.

Rosana Rielo explicou que segue aberto o prazo de inscrición para os de tempo libre e os de curtametraxe.

Por outra banda, a Concelleira indicou que a Casa da Música está a ter unha gran acollida dentro do programa Elixe a túa Noite e a pasada fin de semana tivo 163 usos aparte dos grupos de ensaio.

Os concertos que dan comezo hoxe serven de promoción para estes grupos que moitos deles comezan a súa andaina profesional. Serán gratuítos e a aportación municipal consiste na cesión do local e na axuda na promoción do concerto.

Noticias relacionadas