Últimos días para participar no concurso de deseño do segundo CD da Escola Municipal de Música do Concello

No certame poderán presentarse, ata o 31 de maio, nenos e nenas entre 4 e 12 anos de centros educativos de Lugo así como tamén alumnado da Escola Municipal de Música

As obras poden ser de técnica libre, principalmente gráficos, en formato DIN A4 e en calquera tipo de soporte papel

Xoves, 24 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A vindeira semana remata o prazo de presentación de traballos para o premio de deseño gráfico do segundo CD da Escola Municipal de Música. Trátase dun certame para deseñar a portada do disco no que os nenos e nenas galardoadas recibirán un premio de material musical, valorado en 220 euros.

No concurso poderán participar rapaces e rapazas dos centros educativos de Lugo, dende os 4 aos 12 anos, con traballos de técnica libre, presentando o número de obras que consideren oportunas, coa condición de que sexan orixinais. Nesta liña, poderase presentar o alumnado da Escola Municipal de Música, sempre e cando non formen parte do xurado.

Os deseños serán principalmente gráficos no que non se incluirá texto, nun formato DIN A4 que deberán entregarse sen enmarcar en calquera tipo de papel soporte, dun xeito anónimo, con lema e acompañado dun sobre cos datos da persoa participante. Os interesados e interesadas en concursar poden presentar os seus traballos por correo ou persoalmente na Escola Municipal ata o 31 de maio.

Premios e xurado

No certame establécense dous premios, un para o alumnado dos centros educativos e outro para o alumnado da Escola Municipal de Música, ambos galardóns valorados en 220 euros en material musical. Os deseños que resulten gañadores figurarán ou ben na portada do CD ou na galleta do disco. O resto de obras non premiadas devolveránselles ás e ós participantes que o soliciten e poderase dispoñer dunha selección de traballos para a realización dunha exposición.

O xurado do certame estará formado por persoas cualificadas na materia, representantes do profesorado e representantes do alumnado.

Noticias relacionadas