O Goberno de Lugo permitirá aos locais de hostalería colocar caldeiros de polbo durante o San Froilán

Rubén Arroxo: "Un ano máis, permitiremos que os distintos locais de hostalería vendan o polbo nas rúas de Lugo".

Martes, 23 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo permitirá aos locais de hostalería colocar caldeiros de polbo durante o San Froilán

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo autorizará aos distintos locais de hostalería da cidade a instalación de caldeiros na rúa para vender polbo durante o San Froilán. Arroxo explicou que "esta iniciativa ten moi boa acollida cada ano entre as e os distintos profesionais da hostalería de Lugo, e este ano autorizaremos de novo a instalación de caldeiros do 3 ao 12 de outubro".

Os profesionais interesados deben realizar a súa instalación garantindo sempre o tránsito peonil na zona, os accesos a vivendas, garaxes ou locais comerciais, e permitindo o tránsito peonil seguro. Ademais, esta instalación non pode afectar á circulación de vehículos e os caldeiros deberán estar protexidos no seu perímetro, de tal maneira que ningunha persoa do público poida ter contacto cos mesmos.

De non cumprirse a normativa, explicou Arroxo, poderase ordenar a retirada total ou parcial dos elementos que non se adapten ou dificulten o tránsito de peóns e vehículos, ou que supoñan calquera perigo.

Audio

  • O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre os caldeiros do San Froilán | Descargar mp3

Noticias relacionadas