Iria Buide, concelleira de Educación, destacou que este servizo "que permite facilitar a conciliación familiar e os hábitos de vida saudables, ademais de reducir o tráfico na contorna dos centros de ensino".
A concellería de Educación enviará nos vindeiros días unha carta a todas as familias dos CIEP Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai e Rosalía de Castro explicando o funcionamento do servizo en cada un dos centros.

Coincidindo co inicio do curso escolar 2025-26, a Concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou que a Tenencia de Alcaldía retoma os Vieiros Escolares Seguros, que baixo o nome de "Camiño ás Aulas", permiten ás nenas e nenos dos CEIP Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai e Rosalía de Castro chegar desde os seus fogares ata o colexio "nun percorrido seguro que ademáis de fomnentar hábitos saudables, permite ás nenas e nenos coñecer os espazos peonís creados nos últimos anos", explicou Iria Buide, quen visitou o treito peonalizado de Camiño Real, un dos puntos de saída dos vieiros, co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas.
Iria Buide destacou que este servizo "facilita a conciliación familiar, ademais de reducir o tráfico rodado na contorna dos colexios".
O proxecto "Camiño ás Aulas" consiste no acompañamento do estudantado por monitores todos os días do curso escolar. Cada ruta conta con distintos puntos de recollida "para facilitar que as nenas e nenos se unan ao percorrido no punto máis próximo ao seu fogar", e a chegada aos centros realízase, como máximo, 5 minutos antes da hora de entrada.
Iria Buide destacou que "o ano pasado comezamos a ofertar o servizo en varios centros a mediado de curso, despois de varios proxectos piloto", e engadiu "agora damos un paso adiante e facilitamos esta actividade en cinco centros de ensino desde o primeiro día".
A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén "un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado", explicou Iria Buide, que afirmou, "as distintas iniciativas de calmado de tráfico executadas pola área de Mobilidade nos últimos anos permítennos que os distintos centros poidan contar con vieiros escolares garantindo a seguridade viaria ao desfrutar dun tráfico calmado".
Ruta CEIP Paradai
- Rúa Santo Graal (cruce con Rúa Manuel María), Rúa Mar Cantábrico, Rúa Camiño Real, Rúa Menorca, Rúa San Lourenzo
Rutas CEIP Albeiros
- 1: Saída confluencia da Avenida da Coruña coa Rúa Xenebro (continúa por esta rúa ata o colexio)
- 2: Saída confluencia da Avenida da Coruña coa Rúa Illas Canarias, Rúa Illa Madeira, Rúa Garaballa de Arriba
Ruta CEIP Abella
- Rolda do Carme con Marqués de Ombreiro, Avenida das Américas 36-38, Rúa Ameneiro, Rúa da Saúde, Rúa Orquídea
Ruta CEIP Rosalía
- Rolda da Muralla 112, Rúa Nova, Praza do Campo, Rúa San Pedro, Porta de San Pedro, Rúa San Roque, Rúa Cambria
Ruta CEIP Luís Pimentel
- Rúa Manuel María (aparcadoiro disuasorio), Avenida da Coruña, Rúa Ferreiriño, Rúa Lavandeira, Rúa Gallego Tato
Audio
- A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, sobre os vieiros escolares | Descargar mp3


