O prazo para as votacións será entre o 3 e o 9 de xuño a través da páxina web loop.lugo.gal

A Concelleira de Desenvolvemento Local en funcións, Rosana Rielo, informou esta mañá do inicio da segunda fase do proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos que comeza a próxima semana.
Esta nova fase corresponde coa exposición pública de todas as propostas viables para que os cidadáns poidan votar e escoller aquelas que máis lles gusten e que foron presentadas nas diferentes áreas municipais. As votacións poderanse realizar a través da web loop.lugo.gal entre o mércores 3 e o martes 9 de xuño.
En total son 142 propostas repartidas nas áreas de Benestar Social e Igualdade, Cultura e Promoción da língua, Turismo, Xuventude, Deportes, Emprendemento, Educación, Infraestruturas, Seguridade viaria, Medio rural, Participación cidadá e Servizos Xerais, Mercado e comercio e Medio Ambiente.
Rosana Rielo informou que “as 10 propostas viables correspondentes coas áreas de Benestar Social e de Medio Rural quedan fóra das votacións porque todas elas vanse levar a cabo xa que teñen orzamento suficiente”.
Ademais a Concelleira de Desenvolvemento Local agradeceu a implicación dos veciños e veciñas interesados na formulación de propostas para a cidade, ben de xeito particular ou ben a través dos distintos colectivos ou asociacións, e tamén aos técnicos municipais que traballaron para facer posible este proxecto de participación cidadá.
O Concello de Lugo por primeira vez inviste unha partida de 500.000 euros dos Orzamentos para a realización do proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos que permite aos cidadáns decidir sobre as diferentes fases de execución de gasto coa achega de propostas e ideas para mellorar a cidade.
Audio
- Rosana Rielo sobre o comezo da segunda fase dos Orzamentos Participativos | Descargar mp3