O Tenente de Alcalde deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno, onde se aprobou a adenda do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para dar o servizo no colexio Fingoi II.
Arroxo anunciou que o colexio Paradai contará cunha nova ruta nos vieiros escolares "ampliando un servizo que nos permite eliminar coches das entradas dos colexios".

Rubén Arroxo, Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, deu conta dos tres asuntos aprobados hoxe na Xunta de Goberno referentes á concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, entre as que se atopa a adenda ao convenio dos comedores escolares que permite prestar o servizo no colexio Fingoi II. Arroxo afirmou que a Xunta de Galiza "só asume o 9,38% do custe dun servizo que debería prestar directamente ao ser a súa competencia", e engadiu "mentres que o investimento do Concello supera o millón de euros, a Xunta só pon 99.679,80€". Malia isto, Rubén Arroxo dixo que "non imos deixar a ningunha nena ou neno sen este servizo, prestaremos un servizo necesario para moitas familias mentres agardamos que a Xunta se faga cargo das súas responsabilidades".
Por outra banda, aprobouse a primeira prórroga do contrato coa empresa Savisu solucións SL para a xestión dos hortos escolares, que ofrecen unha actividade educativa dirixida ao alumnado de educación infantil. As sesións comezarán o 9 de marzo no CEIP Luís Pimentel e estenderanse ao resto dos colexios públicos da cidade, favorecendo un contacto directo dos nenos e nenas coa natureza e a sustentabilidade. Arroxo explicou que "estas actividades utilizan o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental". Ao mesmo tempo, as actividades pretenden ser unha ferramenta para espallar as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera.
Por último, Rubén Arroxo deu conta da ampliación do contrato dos vieiros escolares, incorporando unha nova ruta no colexio de Paradai, atendendo á solicitude da ANPA do centro. A nova ruta iniciarase o 2 de marzo, partindo da Ronda da Muralla nº 77 (cruce con rúa Conde), continuando por Irmán Gómez de Carrero e rúa Río Sil ata chegar ao colexio. Con esta ampliación, Lugo contará con 8 rutas en 6 centros escolares: dúas en Albeiros, dúas en Paradai, e outras nos colexios Casas, Luís Pimentel, Rosalía de Castro e As Mercedes.
Actualmente, arredor de 80 nenos e nenas fan uso diario deste servizo, que contribúe a reducir o tráfico nas entradas dos colexios e facilita a conciliación familiar, ao permitir que o alumnado sexa acompañado por monitores desde o portal da súa casa ata o centro escolar. A Tenencia de Alcaldía seguirá a traballar para mpliar este proxecto pola boa acollida que está a ter entre as familias e pola súa incidencia positiva na mobilidade sostible.
Audio
- Rubén Arroxo, tenente de Alcalde do Concello de Lugo, sobre os comedores XGL | Descargar mp3


