O Goberno local presenta uns Orzamentos para 2026 “con ambición política e visión de futuro” que ascenden a 131,9 millóns de euros

Os Orzamentos de 2026 son os máis elevados da historia do Concello, cun incremento do investimento por habitante ata os 1.319 euros e unha clara aposta por acelerar a transformación da cidade.

“Máis habitantes, máis servizos e máis recursos por persoa: estes orzamentos demostran que Lugo avanza e que o Concello responde con ambición, responsabilidade e proxecto de cidade”, afirmou o alcalde Miguel Fernández.

As contas reforzan o escudo social, impulsan a transformación urbana e consolidan investimentos estratéxicos en patrimonio, medio ambiente, seguridade e deporte.

O proxecto orzamentario inclúe importantes investimentos en mobilidade, espazo público, cultura e participación, con actuacións en barrios, zonas industriais, contornas escolares e grandes eventos da cidade.  

“Estes orzamentos permítennos seguir transformando Lugo, mellorando o espazo público, a mobilidade e a vida diaria da xente, para que a cidade siga a camiñar cara adiante”, afirmou o tenente de alcaldía, Rubén Arroxo.

O proxecto orzamentario será elevado aos órganos municipais para iniciar a súa tramitación e debate, marcando a folla de ruta do Concello para o ano 2026.

Martes, 27 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local presenta uns Orzamentos para 2026 “con ambición política e visión de futuro” que ascenden a 131,9 millóns de euros

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o tenente de alcaldía, Rubén Arroxo, presentaron esta mañá o proxecto de Orzamentos Xerais do Concello para 2026, unhas contas que ascenden a 131,9 millóns de euros e que se configuran como as máis elevadas da historia municipal. O documento reflicte un incremento do investimento por habitante ata os 1.319 euros, un 6,6 % máis ca no exercicio anterior, reforzando a capacidade do Concello para mellorar servizos públicos, impulsar investimentos estratéxicos e acompañar o crecemento da cidade.

Durante a presentación, o alcalde Miguel Fernández subliñou que os Orzamentos de 2026 “non son continuístas nin rutineiros, senón claramente políticos no mellor sentido do termo”, ao definir con claridade as prioridades do Goberno local e o modelo de cidade que se quere construír. O rexedor explicou que as contas parten dun contexto de maior estabilidade económica, pero tamén dun momento decisivo para Lugo: “ou aproveitamos esta xanela de oportunidade para acelerar a transformación da cidade, ou corremos o risco de quedar atrás”, afirmou, insistindo na necesidade de actuar con planificación, ambición e visión de futuro.

Nesa mesma liña, o tenente de alcaldía, Rubén Arroxo, salientou que o proxecto presentado responde ao momento que vive Lugo, “cunha cidade que medra, que supera os 100.000 habitantes e que bate récords de visitantes ano tras ano”. Arroxo destacou que se trata do maior orzamento da historia municipal e afirmou que “Lugo camiña cara adiante e faino con paso firme, algo que non se pode poñer en dúbida”. O tenente de alcaldía subliñou que as contas permiten seguir avanzando tanto na transformación física da cidade como no seu dinamismo, “con máis actividade cultural, máis vida nos barrios e máis espazos públicos pensados para a xente, tanto para quen vivimos aquí como para quen nos visita”.

Miguel Fernández explicou que o proxecto de Orzamentos para 2026 se concibe como unha folla de ruta para acelerar a transformación de Lugo, combinando ambición política, planificación rigorosa e unha clara orientación ao interese xeral. O alcalde sinalou que as contas responden a un momento clave para a cidade, no que é necesario tomar decisións que permitan avanzar con máis intensidade na modernización urbana, no reforzo dos servizos públicos e na mellora da calidade de vida da veciñanza.

Seis obxectivos políticos que marcan o rumbo do orzamento

O proxecto orzamentario estrutúrase arredor de seis grandes obxectivos políticos que orientan todas as partidas e definen as prioridades do Goberno local para o exercicio 2026.

O primeiro deles é a mellora da calidade de vida das persoas, reforzando o escudo social, os servizos públicos e as políticas de atención ás familias, ás persoas maiores e aos colectivos máis vulnerables. O Concello mantén así un compromiso firme coa protección social, asumindo servizos esenciais cando é necesario para garantir dereitos e dar resposta ás necesidades reais da cidadanía.

O segundo eixo é a transformación urbana, cunha aposta decidida pola zona norte da cidade a través da Estratexia Novo Norte, concibida como unha ferramenta de reequilibrio territorial e de igualdade de oportunidades entre barrios.

O terceiro obxectivo céntrase no patrimonio cultural como motor económico e identitario, avanzando en proxectos estratéxicos que permiten conservar e poñer en valor o patrimonio ao tempo que se converte en actividade cultural, turística e económica.

Xunto a isto, os orzamentos consolidan un modelo de cidade sostible, no que o medio ambiente, os espazos verdes e a mellora da calidade urbana forman parte central das políticas públicas e da vida cotiá.

O quinto eixo aposta polo desenvolvemento económico e o emprego, incorporando ferramentas para modernizar a actividade económica, atraer investimento e reter talento, mentres que o sexto sitúa a educación e a igualdade de oportunidades como piares fundamentais para garantir o futuro da cidade.

Gastos: as persoas no centro e reforzo dos servizos públicos

No capítulo de gastos, o alcalde puxo o acento en que a prioridade segue a ser o ámbito social. A asistencia social primaria acada os 12.504.540,26 euros, consolidándose como unha das principais áreas de gasto municipal e reflectindo unha aposta clara por situar ás persoas no centro das políticas públicas. O Concello mantén, ademais, un esforzo continuado para garantir servizos esenciais mesmo en ámbitos que non son estritamente de competencia municipal, co obxectivo de non deixar atrás a ninguén.

Paralelamente, refórzase o apoio ao tecido asociativo da cidade. As transferencias correntes destinadas a entidades sociais, culturais, deportivas e veciñais acadan os 6.425.420,89 euros, case 180.000 euros máis ca no exercicio anterior, recoñecendo o papel clave das asociacións na construción de comunidade, cohesión social e dinamización dos barrios.

Os Orzamentos de 2026 recollen tamén incrementos moi significativos en áreas estratéxicas para o funcionamento da cidade, como o urbanismo, cun crecemento superior ao 56 %, o patrimonio e os equipamentos municipais, cun incremento que supera o 150 %, os parques e xardíns, con máis dun 43 % de aumento, o deporte, cun crecemento global superior ao 40 %, e a seguridade cidadá, que supera os 9 millóns de euros, permitindo mellorar servizos, modernizar infraestruturas e dar resposta a demandas históricas da veciñanza.

Investimentos: proxectos transformadores e visión de futuro

No apartado de investimentos, Miguel Fernández destacou que 2026 será un ano clave para activar proxectos de gran impacto para a cidade.

Un dos eixes centrais é o avance efectivo do Novo Norte, o maior proxecto de transformación urbana das próximas décadas. As contas incorporan 2.202.845,87 euros destinados ás expropiacións necesarias para liberar terreos e iniciar actuacións clave, así como 950.000 euros para o Plan de Actuación Integral, unha ferramenta fundamental que permite ordenar fases, definir prioridades e avanzar con rigor técnico na transformación da zona norte da cidade. Este plan senta as bases dunha intervención integral que mellorará a mobilidade, a conexión entre barrios, os espazos públicos, o acceso á vivenda e a cohesión territorial nunha área na que viven máis de 25.000 persoas.

Outro dos proxectos estratéxicos incluídos no orzamento é a recuperación do Cuartel de San Fernando e a creación do Museo da Romanización, para o que se consignan 3.800.500 euros, o que supón o 25 % do investimento total necesario. Esta dotación permite avanzar con determinación nun proxecto clave para a cidade, que combina conservación patrimonial, identidade cultural, atractivo turístico e dinamización económica do centro histórico.

No ámbito dos servizos esenciais, o orzamento destina máis de 1,68 millóns de euros ao bloque de abastecemento, saneamento e mellora da ETAP, con actuacións orientadas a modernizar a rede, reducir incidencias e garantir un servizo seguro e eficiente. Dentro deste esforzo inclúense 350.000 euros para a mellora dos sistemas de filtrado da ETAP, co obxectivo de incrementar a calidade da auga.

Xunto a estas actuacións, o proxecto orzamentario contempla a achega municipal necesaria para avanzar na recuperación da contorna fluvial de Fermín Rivera, unha intervención cun investimento global superior aos 2 millóns de euros, financiada maioritariamente con fondos doutras administracións. A participación do Concello, limitada á porcentaxe que lle corresponde, permite activar e acompañar un proxecto estratéxico de alto valor ambiental e social.

Os Orzamentos de 2026 inclúen un importante impulso aos parques, zonas verdes e barrios, cun investimento de 1,3 millóns de euros, destinado tanto á creación de novos espazos públicos como á mellora, mantemento e renovación dos existentes, reforzando a seguridade, a accesibilidade e a calidade dos espazos de convivencia en toda a cidade.

Dentro desta estratexia, o proxecto orzamentario incorpora tamén as actuacións necesarias para avanzar no desenvolvemento da futura praia fluvial, un proxecto estratéxico que se enmarca na recuperación e posta en valor das contornas naturais de Lugo. Trátase dunha iniciativa que responde a unha visión de cidade máis verde, máis sostible e máis conectada cos seus ríos, e que se concibe como un novo espazo público de lecer, encontro e calidade de vida para a veciñanza.

No capítulo de investimentos inclúese tamén a achega municipal á reforma das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas, coa consignación de 248.146 euros, correspondentes á parte que lle compete asumir ao Concello. Esta dotación permite avanzar nun proxecto xa legalizado e necesario para mellorar as condicións de benestar animal, garantindo que a administración local cumpra cos seus compromisos. O Goberno local deixa así asegurada a participación municipal na reforma da Protectora, á espera de que outras administracións concreten tamén as achegas comprometidas, para poder culminar unha actuación esencial desde o punto de vista do benestar animal e da responsabilidade pública.

O rural conta cunha dotación específica de 990.000 euros destinada á mellora de pistas, accesos agrícolas e camiños, reforzando a cohesión territorial e garantindo condicións de mobilidade e servizos axeitadas nas parroquias. Este investimento dá continuidade a un traballo sostido nos últimos anos, baseado en actuacións constantes e planificadas que permiten mellorar a vida diaria da veciñanza do rural e facilitar o desenvolvemento da actividade agraria.

En materia de seguridade e emerxencias, os investimentos directos acadan case 560.000 euros, destinados a mellorar medios, equipamento e instalacións tanto da Policía Local como do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento.

Finalmente, o ámbito do deporte recibe 823.000 euros para a mellora e modernización das instalacións deportivas municipais, cunha actuación destacada na pista de atletismo e intervencións noutros equipamentos moi utilizados pola cidadanía.

O proxecto de Orzamentos para 2026 reflicte o traballo coordinado do Goberno local, integrando as distintas áreas de xestión nunha folla de ruta común para a cidade. Nesa liña, o tenente de alcaldía, Rubén Arroxo, detallou as actuacións previstas desde as áreas da súa responsabilidade, cunha aposta clara polo coidado do espazo público, a mobilidade sostible, a cultura e a mellora da vida cotiá nos barrios. Arroxo salientou que as partidas da Tenencia de Alcaldía están pensadas “para que Lugo siga a camiñar cara adiante, cunha cidade máis cómoda, máis segura e con máis actividade”.

Un dos eixos principais é a mellora da mobilidade urbana e do espazo público, cunha dotación de 900.000 euros para repavimentacións e asfaltados, acompañados de 100.000 euros para a renovación da sinalización horizontal, garantindo o mantemento continuo das rúas. A isto súmanse 600.000 euros para a creación de novas rotondas, que permitirán substituír cruces regulados por semáforos e mellorar tanto a fluidez do tráfico como a seguridade viaria. “Eliminar puntos de conflito e mellorar os cruces é unha cuestión de seguridade e tamén de calidade urbana”, subliñou Arroxo.

As actuacións complétanse co reforzo das zonas industriais, ás que se destinan 250.000 euros para o mantemento dos seus viais, e con investimentos destinados a eliminar barreiras urbanísticas, como a construción dunha pasarela sobre a Ronda da República Arxentina, cun orzamento de 970.000 euros, que permitirá conectar barrios, zonas verdes e crear un novo itinerario peonil cara ao Miño.

O proxecto orzamentario inclúe tamén actuacións de humanización e mellora dos barrios, con intervencións como o acondicionamento da unión de San Lázaro coa Louzaneta, cun investimento de 238.000 euros, ou a creación dun novo espazo de convivencia veciñal na contorna de Río Eo e Otero Pedrayo, con 125.000 euros. “Queremos unha cidade pensada para estar nela, para vivir os barrios e para que a xente poida facer vida a poucos minutos da casa”, explicou o tenente de alcaldía.

A mellora das contornas escolares é outro dos ámbitos destacados, cunha dotación de 100.000 euros destinada a proxectos de calmado do tráfico, ampliación de beirarrúas e incremento da seguridade peonil arredor dos centros educativos. Estas actuacións complétanse con investimentos no alumeado público, no mobiliario urbano e en vías de barrios da zona norte, reforzando a igualdade territorial.

No plano cultural, Rubén Arroxo puxo en valor o esforzo orzamentario para manter unha cidade activa durante todo o ano. O San Froilán contará cun orzamento de 1.093.000 euros, consolidándose como un dos grandes eventos culturais e sociais de Lugo, mentres que a programación cultural anual disporá de 650.000 euros para actividades nos equipamentos municipais e tamén nas rúas. “Lugo ten hoxe unha axenda cultural continuada, con protagonismo do talento local e con propostas que atraen xente de fóra”, destacou.

As contas inclúen tamén investimentos nos principais equipamentos culturais, como o Vello Cárcere, o Auditorio Gustavo Freire, o Auditorio Fuxan os Ventos, as salas museísticas municipais ou a Banda de Música, garantindo o seu mantemento e funcionamento.

No ámbito da participación cidadá, o orzamento recolle actuacións na Praza de Abastos, con partidas para a mellora de instalacións e a dinamización de postos, así como investimentos no Cemiterio Municipal, destinados tanto a melloras nos espazos comúns como á ampliación de servizos, incluído o espazo para mascotas. Inclúense tamén actuacións na nave das asociacións, reforzando o apoio ao tecido veciñal.

En materia educativa, Arroxo fixo fincapé no esforzo económico que realiza o Concello en servizos que non son da súa competencia directa, como os comedores escolares, aos que se destinan 1.062.000 euros. “Con ese diñeiro poderiamos facer moitas outras melloras na cidade, pero non imos deixar a ningún neno ou nena sen comedor polo incumprimento da Xunta de Galiza”, afirmou, denunciando a falta de implicación da administración autonómica. O orzamento inclúe tamén partidas para o mantemento de edificios educativos municipais, a climatización da EIM Gregorio Sanz e a mellora dos sistemas de seguridade nos CEIP.

Finalmente, Rubén Arroxo coincidiu co alcalde en destacar a consignación de 3.800.000 euros para o Cuartel de San Fernando, correspondente ao 25 % da achega municipal necesaria para optar aos fondos do 2 % Cultural. O tenente de alcaldía subliñou que este paso “deixa á Xunta sen escusas” para seguir demorando a rehabilitación do edificio e a creación do Museo da Romanización, un proxecto estratéxico para Lugo.

Arroxo concluíu que os Orzamentos de 2026 permiten seguir avanzando nun proxecto de cidade compartido, que aposta pola transformación urbana, pola dinamización cultural e pola mellora do día a día da veciñanza.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre os orzamentos 2026 | Descargar mp3

Multimedia

  • O Goberno local presenta uns Orzamentos para 2026 “con ambición política e visión de futuro” que ascenden a 131,9 millóns de euros

Noticias relacionadas