O Concello de Lugo inicia a rehabilitación da antiga Fábrica da Luz para transformala nun centro enogastronómico

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, visitaron o inmoble coincidindo coa firma de replanteo da obra, que contará cun prazo de execución de catro meses.

A iniciativa permitirá “fortalecer a presenza de Lugo nos circuítos turísticos e gastronómicos, poñendo o foco no talento da nosa xente e na calidade dos produtos que nos identifican dentro e fóra de Galicia”.

Mauricio Repetto engadiu que este novo centro enogastronómico impulsará a actividade económica vinculada ao turismo, á hostalería e ao comercio local, sectores que considerou “fundamentais para o desenvolvemento de Lugo”.

Xoves, 27 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo inicia a rehabilitación da antiga Fábrica da Luz para transformala nun centro enogastronómico

 O Concello de Lugo deu hoxe un paso decisivo na recuperación dun dos seus inmobles máis singulares coa posta en marcha das obras de rehabilitación da antiga Fábrica da Luz, un edificio emblemático situado á beira do Miño que será transformado nun futuro centro enogastronómico divulgativo. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, visitaron o inmoble coincidindo coa firma de replanteo da obra, que contará cun prazo de execución de catro meses e que se enmarca dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino.

Durante a visita, o alcalde explicou que a recuperación da Fábrica da Luz “non é só unha actuación sobre un edificio histórico, senón unha aposta clara polo futuro de Lugo, pola súa economía e pola súa identidade”. Subliñou que o proxecto “forma parte dunha visión de cidade que busca integrar o patrimonio cultural, o territorio e os sectores produtivos, conectando a nosa historia coa natureza e co enorme potencial gastronómico que posuímos”. Fernández destacou tamén que este tipo de iniciativas “contribúen a construír unha cidade máis cohesionada, con máis oportunidades e cun modelo turístico baseado na calidade, na sustentabilidade e no orgullo polo noso”.

Pola súa banda, o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, engadiu que este novo centro enogastronómico impulsará a actividade económica vinculada ao turismo, á hostalería e ao comercio local, sectores que considerou “fundamentais para o desenvolvemento de Lugo e para a consolidación do noso posicionamento como destino atractivo e diferenciado”. Repetto puxo en valor a importancia de transformar un espazo histórico nun punto de encontro para a divulgación, a formación e a promoción dos produtos locais, destacando que esta iniciativa permitirá “fortalecer a presenza de Lugo nos circuítos turísticos e gastronómicos, poñendo o foco no talento da nosa xente e na calidade dos produtos que nos identifican dentro e fóra de Galicia”.

O proxecto de recuperación da Fábrica da Luz actuará sobre o edificio histórico respectando a súa estrutura orixinal e as características arquitectónicas que o converten nun referente do patrimonio industrial da cidade. Contará con espazos diáfanos deseñados para o desenvolvemento de eventos gastronómicos, xuntanzas e puntos de divulgación e degustación. A intervención centrará os seus esforzos na mellora da envolvente e do comportamento enerxético, na substitución das carpinterías por elementos de altas prestacións mantendo a estética orixinal, na mellora da estanqueidade fronte ao risco de inundacións e na reparación dos elementos deteriorados polo paso do tempo e o vandalismo.

Tamén se acometerán traballos de restauración das fachadas, actualización das instalacións e habilitación de espazos interiores para o desenvolvemento de actividades divulgativas vinculadas ao mundo enogastronómico.

A intervención permitirá recuperar un espazo de gran valor histórico que, a finais do século XIX, foi clave no abastecemento eléctrico da cidade, e convertelo nun punto de referencia para a difusión da cultura gastronómica e vinícola de Lugo e a súa contorna. A súa posta en marcha reforzará a oferta divulgativa e turística de Lugo, creando un novo atractivo que completará as experiencias xa existentes e que contribuirá a dinamizar a actividade ao redor do Miño, fortalecendo o vínculo entre a cidade e o seu entorno natural.

O alcalde concluíu sinalando que “a Fábrica da Luz será un novo orgullo para Lugo, un exemplo de como o patrimonio se pode transformar en oportunidade, en economía e en futuro”. Subliñou que “Lugo avanza grazas á capacidade da súa xente e dos seus sectores, e esta actuación é unha mostra máis de que cremos no que somos e no que podemos chegar a ser”. Co inicio das obras, o Concello reafirma o seu compromiso cun modelo de cidade sostible, innovador e centrado na mellora da calidade de vida, na defensa do patrimonio e na posta en valor dos produtos locais e da identidade lucense.

Noticias relacionadas