O área de Desenvolvemento Local impulsa a actividade de oito entidades sen ánimo de lucro na súa labor de dinamización económica con preto de 15.000 euros.
Entre as beneficiarias figuran a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Fadas, a Adislugo, a Asociación Xóvenes Emprendedores Lucenses ou a Asociación de Empresarios dosPolígonos Industriais do CEAO e das Gándaras.
“Este programa forma parte dunha estratexia máis ampla de apoio á economía local e ao talento lucense para acadar unha cidade máis dinámica, máis solidaria e con maior capacidade para xerar oportunidades”.

O Concello de Lugo, a través da Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, vén de aprobar de forma provisional a concesión das subvencións dirixidas ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro que traballan pola dinamización económica do municipio no exercicio 2025. A iniciativa, impulsada por Mauricio Repetto, reflicte o compromiso municipal por apoiar a aquelas organizacións que contribúen de maneira activa á xeración de actividade, emprego e cohesión no territorio.
As axudas, cun importe total de 14.906,07 euros, distribúense entre oito entidades lucenses que destacan polo seu labor en sectores como o emprendemento, o asociacionismo empresarial, a economía social, a industria, a hostalaría e a promoción cultural. Entre as beneficiarias figuran a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), a Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (FADAS), a Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación (ADISLUGO), a Asociación Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL) ou a Asociación de Empresarios dosPolígonos Industriais do CEAO e das Gándaras.
O proceso de avaliación, realizado pola Comisión Avaliadora nomeada o 10 de outubro de 2025, valorou aspectos como o impacto económico das iniciativas, a súa contribución ao emprego e á innovación local, así como o grao de colaboración co tecido produtivo. As puntuacións acadadas oscilaron entre os 8,75 e 14 puntos sobre un máximo de 14, destacando a traxectoria e solvencia das propostas presentadas.
Segundo explicou Mauricio Repetto, “estas axudas teñen un dobre obxectivo: apoiar o funcionamento das entidades sen ánimo de lucro e, ao mesmo tempo, consolidar un modelo de desenvolvemento local baseado na cooperación, a innovación e a participación cidadá”. O responsable municipal salientou tamén que “a dinamización económica non se entende sen o impulso do asociacionismo, que actúa como motor de transformación social e garante de oportunidades para todos os sectores”.
Por último, Repetto subliñou que este programa “forma parte dunha estratexia máis ampla de apoio á economía local e ao talento lucense”, e engadiu que “reforzar o traballo das asociacións é investir no futuro de Lugo, nunha cidade máis dinámica, máis solidaria e con maior capacidade para xerar oportunidades”.
Audio
- O edil de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Mauricio Repetto, sobre o desenvolvemento local | Descargar mp3

