Miguel Fernández presenta ao Consello Económico e Social o anteproxecto de Orzamentos para 2026

As contas municipais, que ascenden a 131,9 millóns de euros, son as máis elevadas da historia do Concello e permitirán reforzar os servizos públicos, consolidar o crecemento da cidade e impulsar proxectos estratéxicos de transformación urbana e social.

“Son uns orzamentos pensados para o presente, pero cunha clara vocación de futuro, que poñen ás persoas no centro e permiten seguir facendo de Lugo unha cidade máis cómoda, dinámica e con máis oportunidades”, destacou o alcalde.

Mércores, 28 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández presenta ao Consello Económico e Social o anteproxecto de Orzamentos para 2026

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentou esta mañá ante o Consello Económico e Social o anteproxecto de Orzamentos Xerais do Concello para 2026, en cumprimento do regulamento deste órgano consultivo, no que están representadas entidades sociais, empresariais, sindicais e institucións públicas da cidade.

Durante a súa intervención, o rexedor subliñou que se trata das súas primeiras contas como alcalde, cunha dotación total de 131.946.261,91 euros, o que supón un incremento do 8,94 % con respecto ao exercicio anterior e converte estes orzamentos nos máis elevados da historia municipal. Fernández salientou que este esforzo económico responde tanto ao incremento do custo dos servizos como á aposta decidida do Goberno local por impulsar decisións políticas e actuacións estratéxicas que permitan seguir transformando a cidade.

Miguel Fernández destacou que o anteproxecto se elaborou con máximo rigor técnico e cunha clara orientación social, poñendo ás persoas —especialmente ás máis vulnerables— no centro de todas as políticas públicas. “Son unhas contas sociais, progresistas e ambiciosas, que reflicten con claridade as prioridades deste Goberno e o modelo de cidade que queremos seguir construíndo”, afirmou.

O alcalde explicou que os Orzamentos de 2026 dan continuidade a proxectos estratéxicos financiados con recursos propios e con achegas doutras administracións, nun contexto económico marcado pola moderación inflacionista e a recuperación progresiva da actividade. Nese marco, destacou a importancia da Estratexia EDIL e do proxecto Novo Norte, que permitirá avanzar na transformación da zona norte da cidade, así como outras actuacións clave en mobilidade, sostibilidade, vivenda, servizos públicos e cohesión territorial.

Fernández fixo fincapé en que os Orzamentos de 2026 se elaboran desde a responsabilidade e o rigor financeiro, garantindo a estabilidade dos ingresos e a prestación de servizos públicos de calidade, nun contexto de crecemento da cidade e de maior demanda de recursos. O alcalde lembrou que o Concello mantén unha base tributaria sólida e unha planificación económica prudente, ao tempo que asume recomendacións técnicas da Intervención municipal para asegurar a sostibilidade futura das contas.

Neste marco, subliñou tamén o importante esforzo investidor que recollen os orzamentos, orientado a proxectos estratéxicos de transformación urbana, recuperación do patrimonio —como o Cuartel de San Fernando e o futuro Museo da Romanización—, mellora das infraestruturas, apoio ao rural e reforzo do tecido asociativo, un impulso que se acompaña do recurso ao crédito exclusivamente para financiar investimentos e acelerar o desenvolvemento da cidade.

“Son uns orzamentos realistas, pero ambiciosos, que nos permiten aproveitar un momento clave para Lugo e seguir avanzando nun proxecto de cidade pensado para vivir, traballar e desfrutar”, concluíu o alcalde, quen agradeceu as achegas do Consello Económico e Social e puxo en valor o papel deste órgano no proceso orzamentario municipal.

O proxecto de Orzamentos para 2026 foi aprobado esta mañá na Xunta de Goberno Local e será elevado ao Pleno municipal para a súa aprobación inicial, continuando así a súa tramitación administrativa.

Multimedia

  • Miguel Fernández presenta ao Consello Económico e Social o anteproxecto de Orzamentos para 2026
  • Miguel Fernández presenta ao Consello Económico e Social o anteproxecto de Orzamentos para 2026

Noticias relacionadas