Rubén Arroxo anuncia un novo récord de usuarios no bus urbano en novembro, que por primeira vez supera os 200.000 usuarios

O tenente de Alcalde afirmou que "seguimos traballando para que a xente cada vez máis o bus urbano, un medio de transporte máis cómodo que o vehículo privado".

Este novembro supón o mellor novembro da historia, superando en 13.573 billetes ao 2023, o segundo mellor rexistro "nun 2025 que está chamado a superar de novo o récord histórico anual".

Xoves, 04 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo anuncia un novo récord de usuarios no bus urbano en novembro, que por primeira vez supera os 200.000 usuarios

Rubén Arroxo, tenente de Alcalde do Concello de Lugo e concelleiro responsábel do transporte público, deu conta dos datos de usuarios no Bus Urbano no mes de novembro do 2025, uns datos que novamente superan a mellor marca rexistrada desde que o Concello de Lugo garda rexistro de usuarios "e nos que por primeira vez nun mes de novembro superamos a marca de 200.000 usuarios". Novembro de 2025 pechou cun total de 207.070 billetes expedidos, superando en 13.573 billetes a mellor marca histórica, a rexistrada no mesmo período do ano 2023.

Con estes novos datos, o bus urbano continúa a demostrar que é xa "o medio de transporte principal da maior parte da veciñanza de Lugo", dixo Rubén Arroxo, que engadiu "tras a recuperación da pandemia e a adaptación da veciñanza a un modelo de liñas que conectan a preto do 90% das persoas de Lugo, o bus está a demostrar que é a mellor maneira de moverse por Lugo".

Arroxo afirmou que os datos de usuarios no 2025, á espera do que aconteza en Decembro, "superarán a marca anual de 2024", e explicou que a áera de de mobilidade continúa a traballar na promoción do bus urbano entre a veciñanza como "un transporte económico que facilita as viaxes, ao non ter que preocuparse de buscar espazo para aparcar". Neste ano, os meses de maio, xuño, setembro, outubro e novembro superaron a barreira dos 200.000 billetes expedidos, e todos os meses do ano agás maio superaron a marca de 2024.

Lugo conta co bus urbano máis barato de Galiza e o terceiro máis barato do estado, cun prezo de 0,64€ o billete ordinario (0,45€ usando a tarxeta cidadá), e 0,31€  no caso do transporte bonificado para as persoas con mobilidade reducida,  pensionistas, desempregadas ou estudantes. Ademais, todas as persoas que utilizan a Tarxeta Cidadá gozan de transbordos gratuítos para os seus desprazamentos.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

Audio

  • Rubén Arroxo, tenente de Alcalde do Concello de Lugo, sobre o bus urbano en novembro | Descargar mp3

Noticias relacionadas