O alcalde de Lugo elixido novo presidente do Eixo Atlántico co obxectivo de seguir avanzando en metas comúns

A Comisión Executiva aprobou o orzamento de 5,1 millóns de euros para 2026, que deberá ratificar a Asemblea Xeral na próxima reunión, prevista para o mes de febreiro na Coruña.

Miguel Fernández toma o relevo de Luís Nobre, alcalde de Viana do Castelo, para os dous próximos anos, un nomeamento que é “unha honra e un privilexio para a cidade de Lugo”.

Na reunión de hoxe púxose en valor a declaración da Muralla como Ben Mundial hai 25 anos e lembrouse o papel que tivo o Eixo Atlántico na promoción desta distinción.

Xoves, 13 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde de Lugo elixido novo presidente do Eixo Atlántico co obxectivo de seguir avanzando en metas comúns

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico, celebrada esta mañá no salón de plenos do Concello de Lugo, elixiu ao alcalde lucense, Miguel Fernández, como presidente do Eixo Atlántico para os dous próximos anos. Fernández substitúe no cargo a Luís Nobre, alcalde de Viana do Castelo, quen pasará a desempeñar o cargo de vicepresidente. O rexedor lucense toma así o relevo na presidencia deste organismo, un nomeamento que é “unha honra e un privilexio para a cidade de Lugo”, sinalou Fernández Méndez.

Unha vez nomeado presidente do Eixo Atlántico, o rexedor lucense, fixo fincapé no “orgullo que supón para Lugo representar a tantos municipios e territorios, aos que nos unen lingua, cultura, patrimonio, ideosincrasia, e por suposto retos de futuro e moitísimas posibilidades de avanzar e progresar”. Ademais salientou que “todos os concellos de Galicia e do Norte de Portugal que integramos esta institución traballamos para intercambiar proxectos de posta en valor da nosa cultura e do noso patrimonio, pero tamén para impulsar proxectos estratéxicos; avances nas infraestruturas; nos sectores que sustentan a nosa economía; e iniciativas valentes e competitivas no ámbito do emprendemento, como vía para mirar ao futuro”.

Ademais da elección do novo presidente, a Comisión Executiva do Eixo Atlántico aprobou o orzamento de 5,1 millóns de euros para 2026, que deberá ratificar a Asemblea Xeral na próxima reunión, prevista para o mes de febreiro, na cidade da Coruña. A reunións dos concellos membros, procedentes de Galicia e do Norte de Portugal, celebrouse en Lugo como homenaxe á Muralla no seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade, un feito que tamén estivo presente neste encontro. De feito, Miguel Fernández, lembrou o importante apoio que prestou o Eixo Atlántico na promoción da candidatura lucense, e de xeito moi especial, as cidades de Santiago de Compostela, Porto e Guimarães, que xa contaban con esta distinción.

Os membros da Comisión Executiva aprobaron o informe de xestión do presidente, así como a programación correspondentes a 2026. Un ano no que, entre outras iniciativas e proxectos, figura  crear un Consello Estratéxico integrado por persoas que tiveron unha participación relevante na vida do Eixo Atlántico e que, retiradas da actividade política, poden achegar unha visión clave e consensual á liña de actuación do Eixo Atlántico. En definitiva, o obxectivo do Consello Estratéxico é a reflexión e o debate cos membros do Eixo Atlántico para establecer as liñas de actuación máis importantes da entidade.

Finalmente, acordouse que a inauguración da XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico se celebrará en Viana do Castelo o 27 de novembro e, en Galicia, en Ribeira, en maio de 2026. Por outra banda, a sede da Mostra Musical será Vilalba, do 23 ao 24 de maio.

Ademais dos alcaldes de Lugo e de Viana do Castelo, agora presidente e vicepresidente do Eixo Atlántico, respectivamente, asistiron á reunión da Comisión Executiva os rexedores e rexedoras de O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos e Pontevedra. Pola delegación portugesa, acudiron os representantes de Guimarães, Amarante, Mirandela, Bragança e Santa María da Feira.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o seu nomeamento como Presidente do Eixo Atlántico| Descagar mp3

Multimedia

  • O alcalde de Lugo elixido novo presidente do Eixo Atlántico co obxectivo de seguir avanzando en metas comúns
  • O alcalde de Lugo elixido novo presidente do Eixo Atlántico co obxectivo de seguir avanzando en metas comúns
  • O alcalde de Lugo elixido novo presidente do Eixo Atlántico co obxectivo de seguir avanzando en metas comúns
  • O alcalde de Lugo elixido novo presidente do Eixo Atlántico co obxectivo de seguir avanzando en metas comúns

Noticias relacionadas