A media de outubro e novembro coloca ao Concello entre as administracións máis áxiles de Galicia, practicamente empatado con Vigo (5,75 fronte a 5,56 días).
En novembro Lugo rexistra o mellor dato absoluto de todos os concellos de España incluídos na estatística oficial (4,68 días), situándose como primeira administración no ranking estatal, seguida do Concello de Santander (5,27 días), e consolida en decembro un PMP de 4,72 días.
“Estes datos reforzan a nosa solvencia, eficiencia e compromiso co tecido produtivo da cidade, como administración que paga rápido, cumpre coa legalidade e xera confianza entre os seus provedores, froito dunha xestión económica responsable e planificada”, destaca Ana González Abelleira.

O Concello de Lugo sitúase na cabeza do ranking galego do período medio de pago (PMP) no último trimestre de 2025, segundo os datos oficiais publicados na Oficina Virtual para a Coordinación Financeira coas Entidades Locais do Ministerio de Facenda e Función Pública. A media dos meses de outubro e novembro coloca á cidade entre as administracións máis áxiles de Galicia no pagamento a provedores.
A concelleira titular da Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Ana González Abelleira, destacou que “estes resultados confirman que Lugo mantén unha xestión económica seria e eficiente, que nos sitúa entre as mellores administracións de Galicia no cumprimento dos prazos de pago”. A edil subliñou que “falamos de datos oficiais, obxectivos e comparables, que demostran que o Concello paga rápido, cumpre coa legalidade e xera confianza no noso tecido empresarial”.
Coa media bimestral de 5,75 días, Lugo consolídase xunto con Vigo (5,56 días) como unha das administracións máis áxiles de Galicia. No ranking das mellores cifras do último trimestre sitúanse tamén a Deputación de Lugo, cunha media de 10,81 días, e o Concello de Pontevedra, con 18,03 días, todas elas claramente por debaixo do límite legal de 30 días. Outras administracións galegas, como o Concello da Coruña, sitúanse nunha media de 24,18 días no mesmo período, igualmente dentro do marco legal establecido.
O mes de novembro marca ademais un fito especialmente relevante, ao rexistrar Lugo un período medio de pago de 4,68 días, o mellor dato absoluto entre todos os concellos de España incluídos na estatística oficial do Ministerio. Esta cifra sitúa á cidade como primeira administración no ranking estatal, sendo o seguinte concello na clasificación Santander, cun PMP de 5,27 días. A dinámica mantense en decembro, cun PMP de 4,72 días, o que permite pechar o último trimestre do ano cunha tendencia estable e moi favorable.
Cómpre lembrar que o PMP mide o tempo transcorrido desde a fiscalización da factura ata o seu pagamento efectivo, polo que constitúe un indicador fiel da capacidade de pago da administración unha vez superados os trámites previos.
Volume de pagamentos e estabilidade financeira
Durante outubro e novembro o Concello abonou facturas por un importe conxunto de 13,8 millóns de euros, superando os 16,5 millóns no conxunto do cuarto trimestre. Estes datos evidencian que o elevado volume de pagamento é compatible cunha tramitación áxil e cun estrito cumprimento da normativa estatal.
A práctica totalidade das operacións realízanse dentro do período legal establecido, fixado en 30 días, o que reforza a imaxe de solvencia e capacidade de resposta da administración local.
González Abelleira incidiu en que “cada día que reducimos nos prazos de pago supón máis liquidez para as empresas da cidade, máis estabilidade para os provedores municipais e máis dinamismo para a economía local”. A concelleira reiterou o compromiso do Goberno local de manter esta liña de eficiencia e rigor financeiro ao longo do exercicio 2026.
Audio
- A concelleira da Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Ana González Abelleira, sobre os pagos | Descargar mp3

