O Goberno organizou por segundo ano consecutivo unha gala, na que foron premiados máis de 120 atletas
Lara Méndez, Miguel Fernández, Ana Prieto, Rosana Rielo, e outros membros da Corporación, foron os encargados de entregar os distintos trofeos e diplomas, nunha cita que acolleu o Auditorio Municipal Gustavo Freire
- Tema

O Goberno de Lugo volveu premiar aos e ás atletas do Circuíto Larsa Corre con Nós coa segunda gala deste circuíto. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e as concelleiras de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico e Concello e Cidadanía, Ana Prieto e Rosana Rielo, respectivamente; e outros membros da Corporación Municipal, foron os encargados de entregar os distintos trofeos e diplomas nunha cita que tivo lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire e na que tamén estivo presente a danza e a música. Tamén houbo sorteo de agasallos.
En total, máis de 120 atletas foron premiados no evento que conduciu o deportista Felipe Barata, e no que tamén estiveron presentes representantes dos distintos patrocinadores que ano tras ano apoian este circuíto, sen os cales o éxito das distintas carreiras que engloba non sería o mesmo. Entregáronse distintivos para as seguintes categorías:
- Liga Larsa de adultos
- Liga Caixa Rural categorías menores
- Liga escolar Decathlon
- Clasificación Coca-Cola por equipos
- Clasificación familiar Centro comercias As Termas
- Clasificación Larsa final por sexos
- Clasificación Larsa final compensada
Ademais, esta cita tivo un oco para o recoñecemento a unha figura emblemática do atletismo popular lucense, Daniel Aguilar.