A primeira Gala Corre con Nós celebrarase o sábado no auditorio Gustavo Freire

Miguel Fernández anunciou esta cita, que arrincará ás 19:00 horas. Serve para homenaxear aos participantes neste clásico do atletismo e para entregar os premios aos gañadores. Tamén se darán a coñecer novidades da edición do 2018

O Concelleiro agradeceu o esforzo que, ano tras ano, realizan os patrocinadores do circuíto, facendo constar que, sen a esponsorización destas marcas e grande participación cidadá, o éxito da proba non sería o mesmo

Mércores, 25 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A primeira Gala Corre con Nós celebrarase o sábado no auditorio Gustavo Freire

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, anunciou este mércores que a primeira gala do Circuíto Larsa Corre con Nós, impulsada polo Concello, terá lugar este sábado no auditorio municipal Gustavo Freire, a partir das 19:00 horas.

Esta será a primeira vez que se celebre unha gala para render homenaxe a todas e todos os participantes deste clásico xa do atletismo, non só lucense, senón tamén a nivel galego. Servirá ademais para entregar os premios en todas as categorías, e, como novidade, galardoar ao gañador absoluto, que nesta ocasión recaerá nunha atleta de categoría sénior. Tamén se presentarán todas as novidades da edición 2018.

A gala será presentada polo actor Alberte Cabarcos, e nela entregaranse os trofeos aos primeiros e primeiras clasificados das seguintes categorías: menores, adultos, colexios, familias, equipos, clasificación por sexos absoluta e clasificación definitiva compensada. Entre as distintas entregas haberá proxeccións de vídeo do que foi o circuíto deste ano así como actuacións musicais.

O Concelleiro de Deportes agradeceu o esforzo que, ano tras ano, realizan os patrocinadores do circuíto, facendo constar que, sen a esponsorización destas marcas e grande participación cidadá, o éxito da proba non sería o mesmo. Así mesmo convidou á cidadanía a asisitir a esta primeira gala, de acceso totalmente gratuíto.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a primeira Gala Corre con Nós | Descargar mp3

Noticias relacionadas