Preto de 50 arqueiras e arqueiros de toda Galicia participan esta fin de semana no II Trofeo Aire Libre Arco Muralla

Venres, 30 de maio de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá, sábado 31 de maio, a partir das 15:30 horas, terá lugar o II Trofeo Aire Libre Arco Muralla no campo de fútbol de o Ceao. Esta proba foi presentada na Casa do Concello polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, e Adrián Paderne, representante do Club Arco Muralla.

O Concelleiro indicou que nos últimos anos se viu en Lugo un auxe do tiro con arco, un deporte en principio minoritario, que se está volvendo máis accesible grazas á Escola Municipal e ao apoio dado aos clubs. Fai ano e medio só existía en Lugo un club de tiro con arco en Lugo e na actualidade momento contamos con tres.

Paderne afirmou que “para o noso club é unha ocasión especial, non só por ter a posibilidade de organizar unha nova competición á que están convocados todos os clubs inscritos na Federación Galega de Tiro con Arco, senón tamén porque con este II Trofeo estaremos celebrando o primeiro aniversario do Club Arco Muralla”.

Este sábado competirán case 50 arqueiros e arqueiras de clubs de toda Galicia: Ourense, o Barco de Valdeorras, Ferrol, Narón, A Coruña, Alfoz e Lugo.

- Os arqueiros e arqueiras seniors competirán en dúas quendas de 36 frechas cada unha a 70 metros de distancia

- Os arqueiros e as arqueiras infantís competirán en dúas quendas de 36 frechas cada unha a 50 e 30 metros de distancia.

- Os arqueiros e as arqueiras alevíns competirán en dúas quendas de 36 frechas cada unha a 30 e 18 metros de distancia.

Haberá tamén unha categoría novel para as persoas que se están iniciando a este deporte. Estes novos deportistas tirarán dúas quendas de 36 frechas cada unha a unha distancia de 30 metros.

Noticias relacionadas