Preto de 14.000 mozos e mozas participaron nos 66 obradoiros que organizou a Casa da Xuventude no 2015

En canto ás asociacións e grupos que usan salas do centro habitualmente, son 15 diferentes, que levaron a este centro municipal a máis de 2.000 persoas

Luns, 18 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto de 14.000 mozos e mozas participaron nos 66 obradoiros que organizou a Casa da Xuventude no 2015

Preto de 14.000 mozos e mozas lucenses tomaron parte nos 66 obradoiros que se realizaron na Casa da Xuventude o pasado ano 2015. O 57% dos participantes destas activades xuvenís foron mozas e o 43% mozos, sendo a programación da Movida Altenativa Xuvenil (MAX) a que máis curiosidade espertou, participando nela máis de 2.600 persoas.

O mes que rexistrou máis participación foi febreiro, con 2.164 persoas, seguido do mes de marzo, con máis de 1.700. Pola contra, os que menos foron agosto, decembro e xullo, con 318, 841 e 874, respectivamente.

En canto ás asociacións e grupos que usan salas do centro habitualmente, son 15 diferentes, que levaron a este centro municipal a máis de 2.000 persoas. Os grupos son Medrando en Lugo, Asociación Bico de Leite, Raiolas, un grupo de saxofonistas, a Asociación Lucense de Esgrima Antigua, un grupo que practica ioga e pilates, dúas parellas de baile, a Asociación Bolboreta Fiandeiras, Enriqueta Otero, Chéng Bao, Alusor, a asociación veciñal Sanfiz, Praza das Illas e o Club de Rol Perceval. Ademais, a Casa da Xuventude dispón dunha aula de informática, de consolas e dunha biblioteca, servizos que usaron máis de 1.100 persoas.

Prevención de drogodependencias

Dentro do programa de prevención de drogodependencias que leva a cabo o Concello, +XTi, para aclarar as crenzas e actitudes dos máis novos sobre as drogas e o seu consumo, enmárcanse charlas de prevención de drogas dirixidas a familias. No 2015 participaron 10 centros educativos da cidade, cunha media de 30 familias por sesión. Ademais, o Concello ofrece atención personalizada ás familias tanto por correo electrónico, por teléfono ou de xeito presencial. No 2015 realizáronse 45, 30 e 70 consultas, respectivamente.

Dentro do programa +XTi, a entidade local ofrece apoio escolar en Lamas de Prado todos os días de luns a venres, cunha media de 20 nenos diarios, así como actividades de lecer entre marzo e xullo, onde participaron 60 menores. No 2015 tamén se organizaron 2 cursos de copilotaxe, con 50 participantes, de carretillero, con 30 mozos, de estética, con 12 participantes e de piloto de RPA Dron, con 15 rapaces. Ademais, 250 mozos participaron ao longo de todos os sábados do ano nas actividades de Sábados +XTi.

No que se refire aos centros escolares, no que vai de curso escolar realizáronse máis de 50 sesións, cun total de 25 rapaces de media. Tamén hai outro tipo de accións escolares, como o certame Educar para previr, que na súa última convocatoria rexistrou unha participación duns 1.300 nenos.

O Concello de Lugo traballa tamén con mozos e mozas en risco de exclusión social por medio de deportes e actividades de ocio, así como con minorías étnicas, rexistrando no 2015 máis de 600 participantes en actividades como campamentos urbanos ou obradoiros de monitor de comedor escolar, hábitos saudables, curso de reparación de móbiles, de retoque fotográfico, de habilidades, tenis de mesa, manexo de ordenadores, hípica ou paintball, entre outros.

Noticias relacionadas