A Praza de Abastos reabre ao público tras executarse obra por máis de 560.000 euros

Cumpridos os 33 días de peche previstos, os industriais –reubicados polo Concello sen ningún custe para eles- atenden de novo no recinto habitual

Luns, 14 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Despois de 33 días de peche, os industriais –reubicados sen ningún custe para eles polo Concello na Praza da Soidade e no mercado municipal Quiroga Ballesteros- atenden de novo ao público no recinto habitual, cumpríndose os prazos que o Goberno Local deu dende un principio. Así o avanzou este luns a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen subliñou “que aínda que a praza segue en obras, durante os 33 días previstos de peche da Praza, alcanzouse o nivel de execución fixado”, pois a empresa adxudicataria acometeu obra por valor de 560.000 euros, a metade do orzamento total do proxecto, que persegue mellorar a competitividade e o posicionamento dos negocios, así como a propia imaxe da praza e busca favorecer o desenvolvemento da economía local.

“Dende o Concello estamos en contacto directo cos industriais e temos persoal de maneira continua na Praza para resolver, tanto as incidencias que eran previsibles, como as que aparecen de maneira imprevisible, co fin de darlles solución no período de tempo máis rápido posible e minimizar así os efectos que ten traballar cunha obra en marcha”, asegurou a edil.

Neste senso, a Concelleira avanzou que persoal de Urbaser reforzará á empresa contratada polo Concello para a limpeza das instalacións da Praza, e que se adecentarán os espazos en obras para reducir o impacto visual.

Ana Prieto informou tamén de que a Praza ten dous accesos: por Santo Domingo e pola rampla da rúa Tuñas Bouzón, entrando por Quiroga Ballesteros e atravesando o Carril do Mercado, pois o acceso dende Santo Domingo atópase pechado debido ás obras de acondicionamento do corredor que unirá o recinto co párking. En canto á escaleira de Quiroga Ballesteros abrirase a primeiros da vindeira semana.

Cun orzamento de 1 millón de euros, financiados ao 80% pola Unión Europea a través do Plan Urban, os traballos teñen un prazo de execución de 102 días naturais, é dicir, tres meses e medio. Trátase dun proxecto que contempla a liberación do espazo central da primeira planta, abrindo dous ocos no eixo transversal, para lograr unha maior visibilidade de todo o interior do edificio e ampliar as zonas de tránsito co obxectivo de adaptar a superficie comercial dispoñible á demanda, eliminando o efecto negativo que provocan os postos sen actividade e incrementando o seu atractivo e accesibilidade.

Audio

Noticias relacionadas