A Peña Motorista Lucense realizou a súa tradicional visita anual ao Parque Natural de Peneda- Gêres en Portugal

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Peña Motorista Lucense realizou o pasado domingo, día 26 de agosto, a súa tradicional visita anual ao parque Natural de Peneda-Gêres situado no norte de Portugal. Desde fai seis anos, cada último domingo de agosto parten desde Lugo nesta saída na que percorren máis de 400 quilómetros para gozar do pracer da condución e dunha xuntanza gastronómica.

Un total de once motos e quince motoristas participaron na expedición, que partiu ás 9:00 horas desde O Ceao. A comitiva motera realizou as paradas programadas en Chantada, Celanova e Lobios antes de chegar a Portugal, onde degustaron o prato tradicional do país veciño: o bacalao ao forno.

Despois de percorrer as paraxes do parque iniciaron a ruta de regreso que os levou por Allariz, Xunqueira de Ambia, Baños de Molgas, Maceda e Monforte. Tras máis de doce horas de viaxe polas estradas chegaron a Lugo preto das 21:30 horas.

A Peña Motorista Lucense fundouse en 1975 e é a máis antiga da cidade e unha das veteranas de Galicia. O seu actual presidente é Óscar Vázquez Feijoó e conta con máis de setenta membros, entre os que figura o Concelleiro de Medioambiente, Lino González Dopeso, que tamén participou nesta saída a Portugal.

Os últimos domingos de cada mes programan excursións a distintos puntos de Galicia e ao longo do ano realizan unha media de cinco viaxes longas por España. Ademais de compartir estas horas de viaxe, estes apaixoados das motos poñen en común trucos para o mantemento dos seus vehículos e amosan unha noble camaradería.

Noticias relacionadas