O centro de día, de xestión municipal, atende a 50 persoas, ás que ofrece atención integral ata oito horas, o que supón un gasto anual para o Concello dun millón de euros.
A alcaldesa, acompañada pola edil de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, puxo en valor o esforzo que asume o Concello para atender aos maiores que viven sós, con programas como Axuda no Fogar ou Xantar no Fogar.

A alcaldesa, Paula Alvarellos desfrutou hoxe por primeira vez da tradicional visita ao centro Antonio Gandoy que as e os rexedores da cidade realizan aos usuarios deste centro, na xornada previa á chegada dos Reis Magos. Na cita deste ano, Alvarellos estivo acompañada pola edil de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, con quen compartiu este entrañable encontro, no que aproveitaron para desexar un feliz Aninovo ás e aos usuarios do Antonio Gandoy, ao tempo que aproveitaron para obsequiarlles con agasallos doces. Como ven sendo habitual as e os usuarios tamén obsequiaron a Paula Alvarellos e a Olga López con adornos artesanais, realizados polos maiores do centro.
No transcurso desta animada reunión, a alcaldesa de Lugo puxo en valor “o traballo que fai este Concello desde a área de Benestar Social e Maiores, para xestionar integramente a actividade deste centro de día, que agora mesmo conta con 50 usuarios e usuarias”. Todos eles contan cunha atención integral de xornada completa de oito horas ou de media xornada, con servizos de transporte, médico, enfermería, fisioterapia, psicólogo, xerocultor, perruquería, podoloxía e tamén o servizo de comida en quente para os almorzos, o xantar e a merenda. Todos estes servizos, xunto aos gastos de persoal e mantemento do edificio, “supón para as arcas municipais un custo de entorno a un millón de euros anuais”, sinalou Paula Alvarellos.
Este centro de día é clave no coidado da terceira idade da nosa cidade, ao igual que a atención que se presta á terceira idade desde o Concello de Lugo. Calcúlase que no municipio unhas 5.000 persoas viven soas, de aí a importancia de programas municipais como Axuda no Fogar e Xantar no Fogar, “cos que préstase asistencia para a realización de tarefas domésticas, ofrecerlles dietas equilibradas e acordes ao seu estado de saúde, permitindo que sigan o maior tempo posible nas súas casas e contribuíndo tamén a evitar a exclusión e o illamento social”, explicou Olga López Racamonde.
De feito, a concelleira de Benestar Social e Maiores sinalou a este respecto que “o Concello de Lugo aumentou nun 140% desde o ano 2020 o orzamento destinado a esta área, para responder á demanda de asistencia das persoas maiores que viven soas e prestarlles unha atención adecuada”. Neste senso, Paula Alvarellos pediu, unha vez máis, que “a Xunta de Galicia asuma as súas competencias en materia de dependencia e de benestar para mellorar a vida e os servizos asistenciais dos maiores de Lugo”.




