A oitava edición dos campamentos de verán Lumieira Cup’16 achegará unha vez máis deporte e diversión aos cativos

Miguel Fernández, Ana Abelleira e Óscar Lorenzo presentaron estes campamentos dirixidos a cativos de 5 a 13 anos, que terán lugar na cidade do 4 ao 29 de xullo 

Martes, 21 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A oitava edición dos campamentos de verán Lumieira Cup’16 achegará unha vez máis deporte e diversión aos cativos

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o presidente da Asociación Lumieira, Óscar Lorenzo (Choury), presentaron esta martes no Salón de Plenos a oitava edición dos campamentos de verán Lumieira Cup’16. Esta nova edición dos campamentos urbanos polideportivos, cos que colaboran distintas áreas do Concello, desenvolveranse do 4 ao 29 de xullo na cidade.

Durante o acto de presentación, Miguel Fernández destacou que “neste campamento contémplanse máis de corenta modalidades deportivas, como judo, baloncesto, padel, piragüismo, entre outros; todo nun ambiente lúdico, no que os rapaces e rapazas aprendan realizando actividades deportivas ao tempo que se fomentan os valores de solidariedade, o respecto ou o esforzo”.

Por outra banda, Ana González Abelleira explicou que “estas actividades facilitan a conciliación familiar e que se financian 8 prazas para nenos e nenas con discapacidade, para que poidan conseguir esas habilidades sociais”.

Lorenzo, quen desenvolveu polo miúdo os horarios e actividades, agradeceu a continua colaboración da entidade local non só con este campamento, senón cos valores da deportividade.

O campamento está dirixido a 200 nenos e nenas, 50 por semana, de 5 a 13 anos e desenvolverase de luns a venres, de 9:30 a 19:30 horas, en diferentes instalacións, con punto de partida dende a Facultade de Formación do Profesorado. Tal e como deu a coñecer o presidente de Lumieira, “hai posibilidade de optar aos campamentos tanto mensualmente, como por semanas ou días soltos”. Tamén haberá descontos especiais nas inscricións, promocións, agasallos e sorteos de material deportivo, entre outras novidades.

Este campamento urbano conta co programa de becas Merécelo!, que permitirán a vinte nenos e nenas estar unha semana no campamento de maneira gratuíta. O Lumiera Cup’16 contará con opción a madrugadores e comedor. Tamén poderán participar na actividade das Noites Divertidas, que se desenvolverán unha noite por quincena. Ademais das actividades deportivas programadas, os rapaces e rapazas tamén terán outras actividades lúdicas como excursións.

Para inscribirse ou obter máis información, pode consultarse a páxina web http://lumieiracup16.blogspot.com.

Audio

  • Miguel Fernández, durante a presentación dos campamentos de verán Lumieira Cup’16 | Descargar mp3

Noticias relacionadas