O xogador da ACB Álex Llorca trae o seu campus de baloncesto a Lugo pola súas boas instalacións deportivas

Miguel Fernández recibiu este luns no  Salón de Plenos á estrela do baloncesto, quen se mostrou satisfeito de celebrar este campus, que terá lugar do 11 ao 17 de xullo, “nunha cidade que respira baloncesto”

Luns, 11 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Álex Llorca e Miguel Fernández

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, recibiu este luns no Salón de Plenos ao xogador da ACB Álex Llorca, quen traerá a Lugo no vindeiro mes de xullo un campus de baloncesto, un deporte que conta con moitos adeptos na cidade. O Concello colabora con esta cita que terá lugar do 11 ao 17 de xullo, posto que se enmarca na súa aposta por fomentar a práctica deportiva ao tempo que se impulsa a cidade de Lugo.

Fernández puxo en valor a capacidade de sacrificio e a calidade deportiva e humana de Llorca ao tempo que lle desexou moitos éxitos tanto para esta tempada como xogador do Fuenlabrada como para o campus. “Agardamos que sexa un éxito de asistentes e que os máis cativos vexan cumpridos os seus desexos e lles sirva para mellorar todos os seus fundamentos baloncestísticos”, subliñou Fernández.

Pola súa banda, Llorca amosouse satisfeito por poder levar a cabo este campus en Lugo, “unha cidade que respira baloncesto”, tal e como a definiu o xogador, quen fixo fincapé nos motivos de elección da cidade luguesa como sede do campus, pois di estar en débeda cos nenos e nenas da cidade, que o apoiaron o ano pasado na súa etapa como xogador do club Breogán. Ademais, segundo deu a coñecer, á hora da elección tivo en conta as “moi boas instalacións deportivas que ten Lugo”.

Noticias relacionadas