O X Torneo Nacional de Árbitros Fútbol 7 celebrarase este sábado no campo municipal do Polvorín

Miguel Fernández e Óscar Carballo presentaron unha nova edición desta proba deportiva, que arrincara ás 10:30 horas e a final disputarase ás 20:00 horas

Esta competición, coa que colaboran o Concello e a Deputación, conta con preto de 300 inscritos, entre os que se atopan colexiados de Sevilla, Cantabria, Palencia ou Salamanca

Martes, 26 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O X Torneo Nacional de Árbitros Fútbol 7 celebrarase este sábado no campo municipal do Polvorín

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e o presidente da Peña de Árbitros 9,15, Óscar Carballo, presentaron este martes, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, o X Torneo Nacional de Árbitros Fútbol 7. Este campionato deportivo para árbitros de fútbol e fútbol sala, co que colaboran o Concello e a Deputación, terá lugar este sábado, 30 de decembro, no campo municipal do Polvorín.

Na presentación, Miguel Fernández, logo de amosar a disposición do Concello a colaborar con este tipo de iniciativas, subliñou o espírito deste torneo, que “non é outro que a confraternidade entre os integrantes deste estamento, primordial para o desenrolo deste deporte no noso país, colectivo que non sempre ve recoñecido o seu traballo”.

O edil convidou a todos os veciños e veciñas de Lugo, “unha vez máis, a acoller a todas as persoas que, con motivo deste torneo, nos visitan nestas datas tan sinaladas, desexando que a estancia na nosa cidade sexa do maior agrado posible, e que serva para levar un bo recordo da súa estadía”.

Óscar Carballo, agradeceu “a colaboración do Concello e a Deputación, sen as cales non sería posible a celebración deste tipo de eventos”. Tamén fixo un breve repaso da historia deste torneo, iniciado no ano 2003, coincidindo coa creación da Peña e que nesta edición contará coa participación de preto de 300 inscritos, entre os que se atopan colexiados de Sevilla, Cantabria, Palencia ou Salamanca.

Finalmente, o representante da organización lembrou que “os fins do torneo son a irmandade e a unión dentro deste colectivo, un tanto especial dentro do fútbol, buscando con elo ter unha visión diferente e que aporte cousas positivas, transformándose por uns intres en xogadores e adestradores”.

A competición comezará ás 9:00 horas, coa participación de 20 equipos divididos en catro grupos, clasificándose os dous primeiro de cada grupo. A duración dos partidos será de 20 minutos a un só tempo, excepto a final que será de dous tempos de 15 minutos.

A fase de grupos celebrarase das 9:00 ata as 19:00 horas de forma ininterrompida, os cuartos de final están previstos para as 19:30 horas, as semifinais ás 20:30 horas e a final ás 21:00 horas. Ao remate da competición procederase á entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados, acto que terá lugar no propio campo municipal do Polvorín, sobre as 21:30 horas. Para rematar, celebrarase unha cea gala, onde se fará entrega de detalles a todos os participantes.

Noticias relacionadas