O Servizo de Información 010 do Concello, 12 anos de funcionamento cun balance dun millón de consultas atendidas

Máis de 35.200 persoas contactaron no primeiro semestre do ano con este servizo, que recibe unha media de 5.200 chamadas mensuais, unhas 6.200 máis que o mesmo período do pasado ano

O número de persoas inscritas no servizo de mensaxería gratuíta a través do correo electrónico é de 3.350, e no de mensaxe ao móbil, 2.100. En canto ás redes sociais, o 010 conta con 2.700 persoas seguidoras

Luns, 24 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Máis de 35.200 persoas contactaron co Servizo de Información 010 do Concello de Lugo no primeiro semestre deste ano, unhas 6.200 persoas máis que o mesmo período do pasao ano 2016, e máis de 8.000 máis con respecto a 2015. Esta plataforma de atención cidadá recibiu máis de 32.500 chamadas dende xaneiro a xuño e xestionou mái de 2.700 correos electrónicos, un 18% e 16% máis de peticións pola primeira e segunda vía, respectivamente, que o primeiro semestre do pasado ano. En conxunto, dende que o 010 entrou en funcionamento, hai 12 anos, atendeu ao redor dun millón de consultas, a través tanto de teléfono ou enderezo electrónico.

Un dos meses de maior volume de chamadas neste primeiro semestre, como anos anteriores, foi o de xuño. Un dato salientable son os datos comparativos do xuño do ano pasado co deste ano, onde o volume de chamadas acadou unha diferenza de 1.334 máis no 2017.

O servizo, cun horario de luns a venres de 08:30 a 20:30 horas e os sábados, de 09:00 a 14:00 horas, recibe unha media de 5.200 chamadas mensuais, principalmente para dar avisos das distintas incidencias no funcionamento de servizos públicos, como atascos nas redes de sumidoiros ou avarías no subministro da auga, así como para demandar información municipal ou información de actividades realizadas por entidades colaboradoras do Concello. Destacan ademais chamadas relacionadas coa xestión e trámites como as inscricións para actividades, por exemplo.

Servizo de mensaxería e redes sociais
O 010 facilita información por outros medios, como as redes sociais ou mensaxería. Neste senso, o número de persoas inscritas no servizo de mensaxería gratuíta a través do correo electrónico é de 3.350, 100 persoas máis con respecto ao 2016, e no de mensaxes de texto ao móbil, 2.100 persoas inscritas. En canto ás redes sociais, o 010 está presente en Facebook, Twitter e YouTube. Na actualidade ditas canles contan con preto de 2.700 seguidores.

Noticias relacionadas