Miguel Fernández insta á conselleira de Medio Ambiente a pechar o convenio de financiamento e a facer ofical o seu compromiso público co proxecto sen máis demora.
O Concello considera necesario definir as obrigas da Xunta, a Deputación e o Concello unha vez que a Protectora conta co beneplácito municipal para executar unha actuación valorada en máis de 517.000 euros.
“O obxectivo é que Xunta, Deputación, Protectora e Concello poidamos asinar un convenio que garanta a viabilidade económica dunha actuación que é urxente e imprescindible”, subliñou Fernández.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, anunciou hoxe que vén de instar á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez Mejuto, a manter unha reunión de traballo na Casa do Concello coa finalidade de avanzar na plasmación dun convenio de colaboración entre todas as administracións implicadas que permita pechar o financiamento necesario para executar a reforma integral das instalacións da Protectora de Animais de Lugo. O rexedor recordou a Vázquez Mejuto nunha misiva remitida a mandataria autnómica a necesidade de actuar con determinación e celeridade.
“O Goberno local ten os deberes feitos. De feito, xa contamos coa consignación necesaria no Orzamento municipal deste ano para financiar a nosa parte. Queremos saber en que situación se atopa o Gobenro autonómico en relación a este asunto e cal é a súa disposción real a colaborar de xeito inmediato unha vez que a Deputación provincial xa confirmou a súa achega. É necesario darlle forma concisa a esa colaboración entre todas as partes implicadas. O obxectivo é que Xunta, Deputación, Protectora e Concello poidamos asinar un convenio o antes posible que garanta a viabilidade económica dunha actuación que é urxente e imprescindible”, subliñou Fernández.
O proxecto, redactado polos arquitectos Manuel Cortón Muinelo e Diego Vila Fernández, prevé un investimento superior aos 517.000 euros e un prazo de execución de 36 meses. Inclúe a creación dun novo edificio de recepción e clínica veterinaria, unha residencia e zona de cuarentena para gatos, un parque de caniles sectorizado, melloras nas áreas de servizo, almacenaxe e aparcamento, así como a instalación de paneis solares e zonas de paseo para os animais.
O alcalde destacou que “a Protectora realiza un labor encomiable desde hai décadas, atendendo a centos de animais abandonados cada ano. É de xustiza que conten cunhas instalacións dignas e adaptadas á normativa, que reflictan o compromiso de Lugo co benestar animal e co respecto ás entidades que traballan a pé de rúa”.
Fernández lembrou que o Concello xa destinou máis dun millón de euros de apoio económico á Protectora nos últimos cinco anos, a última achega farse efectiva este mesma semana, ademais de acompañar o proceso técnico para a legalización das actuais dependencias. “Agora é o momento de dar o paso definitivo e de que todas as administracións sumen esforzos. A colaboración institucional é a única vía para que Lugo poida contar cun espazo moderno e eficiente para a protección e coidado dos animais”, sinalou.
O alcalde concluíu asegurando que a reunión coa Consellería e os outros axentes implicados debe servir para concretar o reparto de responsabilidades financeiras e para dar resposta definitiva á situación das instalacións de Muxa. “Por fin despois de moito tempo e grazas a mediación muncipal, existe un proxecto viable, solvente e con respaldo técnico; só falta a vontade política para facelo realidade. Lugo e o benestar animal merecen ese compromiso conxunto ao marxe das liortas políticas”, finalizou.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a protectora de animais | Descargar mp3

