O bus urbano mantén a tendencia á alza con máis de 200.000 persoas usuarias en xuño

Rubén Arroxo destacou que a área de Mobilidade seguirá “animando á veciñanza a utilizar o bus urbano nos seus desprazamentos”.

Este 2025, por primeira vez en xuño, superouse a marca dos 200.000, confirmando o bo estado de saúde do servizo.

Sábado, 05 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O bus urbano mantén a tendencia á alza con máis de 200.000 persoas usuarias en xuño

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo e concelleiro responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, informou dos datos de uso do bus urbano durante o mes de xuño de 2025, que se pechou cun total de 200.095 viaxeiros. Esta cifra supón un novo récord histórico para este mes, consolidando a tendencia ascendente que vén rexistrando o servizo nos últimos anos.

“Xuño adoita ser un mes no que o número de viaxeiros baixa, debido á finalización do curso escolar e ao descenso da mobilidade cotiá de estudantes. Porén, este ano non só se mantiveron os datos, senón que incluso aumentaron, o que reflicte unha fidelización crecente da veciñanza co transporte público”, sinalou Arroxo.

A evolución dos datos confirma esta tendencia: en xuño de 2020, en pleno contexto da pandemia, o servizo rexistraba 97.624 viaxeiros. En 2021 a cifra subiu ata os 122.294, e continuou medrando en 2022 (147.776) e 2023 (173.457). O ano pasado, en xuño de 2024, superouse por segunda vez a barreira dos 180.000 viaxeiros neste mes, con 181.802 usuarios. Este 2025, por primeira vez en xuño, superouse a marca dos 200.000, confirmando o bo estado de saúde do servizo.

“O bus urbano segue demostrando que é a mellor maneira de moverse por Lugo”, afirmou Arroxo. “Temos unha rede de liñas que conecta a preto do 90% da poboación e tarifas moi accesibles. Iso está a facer que cada vez máis xente escolla o transporte público no seu día a día.”

Desde a área de Mobilidade continúa o traballo para fomentar o uso do bus urbano como un medio económico, sustentable e cómodo, que evita problemas como o aparcamento e reduce a pegada de carbono na cidade.

O billete ordinario custa 0,64€, con desconto a 0,45€ usando a Tarxeta Cidadá, e só 0,31€ para colectivos bonificados (persoas con mobilidade reducida, pensionistas, estudantes ou persoas desempregadas). Ademais, os transbordos son gratuítos para quen emprega a Tarxeta Cidadá.

Audio

  • O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo e concelleiro responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, sobre o bus urbano | Descargar mp3

Noticias relacionadas