O Concello e a Xefatura provincial de Tráfico de Lugo asinarán un acordo para impulsar os cursos de educación viaria no Parque Infantil López Mella

As instalacións volverán acoller unha programación dirixida aos escolares e nos próximos días abrirase o prazo para que os centros presenten as súas solicitudes

Venres, 28 de agosto de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello e a Xefatura provincial de Tráfico de Lugo asinarán un acordo para impulsar os cursos de educación viaria no Parque Infantil López Mella

O Concello de Lugo e a Xefatura Provincial de Tráfico avanzan na sinatura dun convenio de colaboración para recuperar a actividade do Parque Infantil de Tráfico López Mella e volver poñer estas instalacións ao servizo da educación e da prevención viaria.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo unha reunión co xefe provincial de Tráfico de Lugo, na que tamén participaron o responsable da área de Cultura e Educación, Javier Vázquez, e o concelleiro de Mobilidade, Antonio Ameijide.

O futuro convenio permitirá que o Concello ceda as instalacións do Parque Infantil de Tráfico para o desenvolvemento dos cursos de educación viaria cos centros escolares, sendo a propia Dirección Xeral de Tráfico a encargada de impartir esta formación.

O obxectivo é recuperar unha programación na que tradicionalmente participaban arredor de 2.000 estudantes cada curso. Neste sentido, a próxima semana ofertarase xa aos centros educativos, para que poidan presentar as súas solicitudes e axustar a participación ás súas programacións.

Recuperar unha instalación referente na educación viaria

O Parque Infantil de Tráfico permaneceu dous anos pechado, o que provocou a interrupción da programación habitual de educación viaria cos centros escolares. Durante o pasado curso recuperouse algunha actividade, pero o Goberno municipal quere agora dar un novo impulso ao Parque e recuperar unha programación estable.

O Parque López Mella conta cunha longa traxectoria. Foi construído durante un goberno do Partido Popular, sendo alcalde Tomás Notario, e entrou en funcionamento no curso escolar 1995-1996, con Joaquín García Díez. As instalacións chegaron a converterse nunha referencia a nivel estatal en materia de seguridade viaria, sendo escollidas en dúas ocasións para acoller Campionatos de España de Seguridade Viaria.

Neste sentido, o Concello considera que recuperar a actividade do Parque permite poñer novamente ao servizo dos escolares unhas instalacións que foron un referente na educación viaria e reforzar a prevención desde idades temperás.

Semana Europea da Mobilidade

A reunión serviu tamén para explorar accións conxuntas entre o Concello e  Xefatura provincial de Tráfico no marco da Semana Europea da Mobilidade, que se celebrará do 16 ao 22 de setembro baixo o lema “Mobilidade para todas as persoas”.

Ambas institucións estudarán diferentes iniciativas para desenvolver durante esta semana, vinculadas á mobilidade, a prevención e a seguridade viaria.

O equipo de goberno destaca a importancia de recuperar a actividade do Parque e de facelo da man da Dirección Xeral de Tráfico, aproveitando unhas instalacións municipais “que teñen unha historia e un valor moi importante na educación viaria dos escolares de Lugo”.

Noticias relacionadas