Miguel Fernández mantivo a primeira reunión oficial coa delegada en Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Carmen Figueiras.
A Administración Local ábrese a unha maior cooperación para dar solucións aos accesos á cidade e para presentar proxectos que afonden na rexeneración dos barrios.
O rexedor chama a atención sobre “a importancia de sumar esforzos no proceso de transformación de determinas zonas da cidade; Lugo sairá gañando se vamos da man”.
Carmen Figueiras destacou que a Administración local mellorou notablemente, tanto no que respecta á tramitación de licencias, como na atención que se presta desde este departamento municipal.

O Goberno Local segue a traballar co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Lugo para avanzar na rexeneración de barrios como O Carme, estudiará posibles vías de colaboración para intervencións en Santo Domingo ou convocar un concurso de ideas para presentar propostas de actuacións nas áreas de acceso á cidade coa finalidade de acadar unha imaxe recoñecible, unitaria e suxestiva nos principais puntos de acceso viario á cidade de Lugo. Así se desprende da primeira reunión oficial que mantiveron o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a presidenta do COAG en Lugo, Carmen Figueiras.
Neste sentido, o rexedor municipal destacou que “a Administración local ábrese a unha maior cooperación cos arquitectos para dar solucións e ideas a determinadas actuacións na cidade, coa posta en marcha de concursos de ideas ou colaboracións doutro ámbito. “Lugo sairá gañando se vamos da man”, sinalou o alcalde, quen falou da “importancia de sumar esforzos no proceso de transformación que están a experimentar determinadas zonas da cidade”.
Ademais de abordar posibles colaboracións para os accesos á cidade e no avance da rexeneración do barrio do Carme, na reunión tamén se tratou sobre a posibilidade de que desde o COAG aporten ideas e propostas para intervir no monumento ao bimilenario de Santo Domingo, que mudou o seu aspecto inicial a raíz das obras de peonalización e da nova configuración da citada praza.
Noutro orde de cousas, a presidenta mostrou o seu interese en crear mesas de traballo para a axustar ao presente as licitacións dos servizos intelectuais coa intención de consolidar a calidade da arquitectura lucense e tamén se falou do impulso que está a experimentar o desenvolvemento urbanístico nos últimos meses, cos cambios introducidos na área de Urbanismo. Aspecto que o alcalde Miguel Fernández comprmeteuse a estudar.
Así mesmo, Carmen Figueiras destacou que este servicio mellorou notablemente, tanto no que respecta á tramitación de licencias, como na atención que se presta desde este departamento municipal. Para o alcalde de Lugo está claro que “no último ano se avanzou e moito cara un dinamismo urbanístico, coa incorporación de máis persoal ao servizo municipal e cunha importante axilización da tramitación de expedientes”.



