O rugby galego dase cita na nosa cidade esta fin de semana cunha xornada solidaria

Miguel Fernández, Pablo Rivera, Manuel Cadramón, Ignacio  cociña e Iago Cobas presentaron as actividades, que servirán para dar o inicio a tempada galega de rugby 

Mércores, 06 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O rugby galego dase cita na nosa cidade esta fin de semana cunha xornada solidaria

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera e o Xefe Territorial de Deportes, Manuel “Cadramón”, xunto cos presidentes da Federación Galega de Rugby e do club Muralla Rugby, Ignacio Cociña e Iago Cobas, respectivamente, presentaron este mércores a Xornada Solidaria do Rugby Galego, que se celebrará este sábado no estadio Gregorio Pérez Rivera.

No acto, Miguel Fernández fixo alusión á tradición que existe na nosa cidade con respecto a este deporte dende fai anos, invitando aos amantes do rugby a asistir a esta xornada de carácter solidario, cuxa recadación servirá para paliar, en parte, os gastos afrontados por un ex-xogador por mor dunha grave lesión. Do mesmo xeito, amosouse disposto a colaborar, no posible, con este tipo de iniciativas que contribúen a facer da cidade de Lugo un referente do deporte a todos os niveis.

Pola súa banda, Pablo Rivera subliñou que "a colaboración por parte do Goberno Provincial enmárcase na nosa aposta polo fomento do deporte en todas as súas modalidades. Estamos especialmente satisfeitos de apoiar esta cita polo seu carácter solidario, e agardo que se converta nunha gran festa do rugby galego. Por iso, quero convidar a todos os veciños a que se acheguen o sábado ao estadio Gregorio Pérez Rivera a desfrutar do evento".

Os presidentes da federación galega o do club organizador do evento quixeron agradecer ás institucións o apoio prestado para a celebracións desta xornada solidaria.

Así, tras unha mañá chea de presentacións, tanto de patrocinadores, como de logos ou balóns oficiais do rugby galego, o prato forte chegará a nivel deportivo chegará pola tarde coa disputa dun triangular entre os tres equipos galegos de división de honra: Crat de A Coruña, Ourense Rugby e Vigo RC. Esta xeira de partidos dará comezo ás 17:00 horas e tras o remate haberá un “terceiro tempo” que contribuirá a ampliar a confraternidade de toda a familia do rugby galego.

Noticias relacionadas