- Tema

López Orozco destaca que o documento urbanístico fíxose con transparencia e xustiza
O Alcalde agradece o labor dos funcionarios e os Concelleiros de Urbanismo que traballaron no novo PXOM
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, fixo pública hoxe a súa satisfacción pola aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo. “Despois de moitos anos de traballo temos aprobado o plan e é posible empezar a traballar no modelo de cidade que xa está descrito”, manifestou o Alcalde.
O Alcalde dixo que “hoxe temos aquí o premio a tanto traballo realizado”. Destacou que o Plan Xeral fíxose “con xustiza e transparencia e na defensa do interese xeral”.
López Orozco expresou o seu agradecemento ós funcionarios e ós políticos que traballaron no documento urbanístico.
O Alcalde recordou o labor dos Concelleiros e a Delegada de Urbanismo que dirixiron estes traballos: José Ramón Gómez Besteiro, Francisco Liñares e María Novo. Desta última, o Alcalde destacou “que deixou as pestañas e traballou na defensa do interese público, nunca defendeu outra cousa, e estou convencido de que a Xustiza lle vai devolver o que algúns lle tentaron quitar”.
Tamén a Delegada de Urbanismo agradeceu o traballo realizado polos funcionarios e manifestou que a Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas “convalida e ratifica o crecemento de Lugo” e considerou “un éxito” a aprobación de todo o solo urbano de Lugo e do 96% do solo dun Concello tan grande como o noso.
María Novo explicou que a Orde “limítase a dicir que debemos seguir xustificando en algo menos do 5%”.
A Delegada de Urbanismo explicou que o decisión da Xunta “implica que todo o plan está axustado a Dereito” e engadiu que “vén confirmar que todas as propostas, mesmo as pendentes de máis xustificacións, son axustadas a dereito porque, en caso contrario, o Goberno galego tería que dicir que non é así”.
Tamén indicou que “desde as 14.40, cando recibimos o documento da Xunta, xa estamos reunidos cos funcionarios e en contacto co equipo redactor preparando o traballo para que pronto Lugo vexa aprobado o 100% e para que entre en vigor o que xa ten o visto e prace definitivo”.
A partir de agora, explicou Novo, o Concello ten que lle mandar á Xunta un refundido do documento e dos informes técnicos que xa teñen a aprobación definitiva para que a administración galega o dilixencie e llo remita ó Concello para a súa publicación e entrada vigor. Ademais o Concello traballa xa nas xustificacións pedidas para o resto do PXOM. “Ese traballo farémolo simultaneamente”, sinalou a Delegada de Urbanismo.