O Goberno renova o seu apoio ás asociacións culturais cunha liña de axudas de 15.000€ para actividades e infraestruturas

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contados dende o seguinte á publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións

Mércores, 20 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores unha liña de axudas por importe de preto de 15.000 euros destinadas a apoiar e dinamizar a actividade das asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido da cultura e para o mantemento, conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que levan a cabo estes programas. Coa convocatoria destas subvencións, o Goberno local “renova o seu compromiso coa cultura e coas asociacións culturais do noso municipio, que desenvolven un gran traballo en favor da dinamización da vida social”, explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días naturais contados dende o seguinte á publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións. Publicarase tamén no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de edictos, na páxina web e no Portal de Transparencia do Concello.

Os criterios de valoración son os seguintes: o interese xeral da actividade ou programa, a especialización na atención a colectivos aos que van dirixidos, o seu carácter permanente e continuo, que se trate de entidades ou asociacións que presenten a xuízo da comisión avaliadora unha traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello, orixinalidade e carácter innovador da actividade, que na composición da directiva da asociación exista como mínimo unha porcentaxe do 50% de mulleres, o uso e difusión do galego, oral e escrito, na programación da actividade, a difusión dos valores culturais lucenses e galegos e que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade. O importe máximo por asociación é de 3.000€.

Seguridade no traballo

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde á prórroga por un ano, dende  novembro deste ano ao mesmo mes de 2018, do contrato do Concello con Mugatra Sociedade de Prevención SLU para a prestación do servizo de seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía, psicosocioloxía aplicada e vixilancia da saúde. O importe é de 4.303,34€.

Licenzas para explotacións e eficiencia enerxética

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de licenzas para a reforma dunha explotación de gando porcino e a construción dunha balsa de xurro en Muxa, a ampliación dunha corte de vacún de leite e foxa de xurro en San Xoán do Alto, e a ampliación dunha explotación de gando vacún de carne en San Xoán do Campo; así como tres licenzas para melloras de eficiencia enerxética en edificios situados nas rúas Río Ulla, a Avenida da Coruña e Río Ladra.

Noticias relacionadas