As actuacións propostas inclúen melloras no abastecemento de auga e na pavimentación de vías en distintas parroquias do municipio.
As actuacións que o Concello pretende financiar por esta vía desenvolveranse nas parroquias de San Martiño de Ombreiro, Piúgos, Orbazai, Teixeiro, San Xoán do Campo, O Burgo e O Veral.
O alcalde, Miguel Fernández, destaca que “levamos ao Plan Deputación actuacións concretas para axilizar a súa execución e complementar o traballo que o Concello desenvolve de forma programada no rural”.

O Goberno local levará ao Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026unha proposta de investimentos que supera os 630.000 euros, coa finalidade de avanzar na mellora de servizos básicos e infraestruturas no rural lucense. Trátase dun conxunto de actuacións concretas que o Goberno local propón incorporar a este instrumento co obxectivo de facilitar e axilizar a súa posta en marcha.
As actuacións propostas forman parte dun traballo máis amplo que o Concello vén desenvolvendo de maneira continuada nas parroquias rurais, tanto con medios propios como a través doutros programas e investimentos, e teñen como finalidade complementar esa planificación xeral e dar resposta a necesidades específicas detectadas no territorio.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, explicou que “o Plan Deputación permítenos avanzar con maior axilidade en proxectos que xa están definidos a nivel técnico e que son necesarios para mellorar servizos e infraestruturas no rural”. Nese senso, precisou que “estas propostas intégranse nunha estratexia máis ampla, xa que o Concello segue a actuar de maneira permanente nas parroquias con medios propios e con intervencións ao longo de todo o ano”.
Unha das actuacións propostas é a dotación de abastecemento de auga potable á parroquia de San Martiño de Ombreiro, cun investimento total superior aos 272.000 euros. A intervención contempla a execución dun novo tramo de rede que permitirá dar servizo a varias vivendas da parroquia, mellorando a calidade e a fiabilidade do subministro mediante unha infraestrutura adaptada ás características dun entorno rural con edificacións dispersas.
No ámbito da mellora das infraestruturas viarias, o Concello de Lugo propón diferentes actuacións de acondicionamento e pavimentación de camiños rurais en varias parroquias. Entre elas inclúese o acondicionamento do Camiño da Croa, no treito que comunica os lugares de Toiriz e Casas Novas, na parroquia de Piúgos, así como a mellora de camiños no lugar de Taboelle, pertencente á parroquia de Orbazai.
Tamén se propón o acondicionamento do camiño que comunica o Concello de Outeiro de Rei coa N-640 polas proximidades do lugar dos Silgueiros, na parroquia de Teixeiro, así como a mellora do camiño que enlaza os lugares de Portoganoi, Verín e Pacios, na parroquia de San Xoán do Campo.
A relación de actuacións complétase coa mellora dos camiños que comunican os lugares do Burgo e do Canedo, na parroquia do Burgo, e coa intervención no viario do núcleo rural de Astariz e arredores, na parroquia do Veral. Estas obras inclúen actuacións de limpeza de cunetas, mellora do firme, drenaxe e colocación da sinalización necesaria para garantir a seguridade e funcionalidade dos viais.
Miguel Fernández sinalou que “a selección destas actuacións responde a criterios técnicos e ás necesidades detectadas nas parroquias, dentro dun traballo continuo que o Concello vén desenvolvendo no rural”. O alcalde engadiu que “o obxectivo é combinar planificación, investimento e coordinación institucional para mellorar progresivamente os servizos públicos e as infraestruturas, ao tempo que se dá resposta ás demandas da veciñanza”.
Con esta proposta, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso coa cohesión territorial e coa mellora das parroquias rurais, utilizando o Plan Deputación como unha ferramenta para complementar o traballo municipal e impulsar a execución de actuacións necesarias para o territorio.

