O Goberno local promove unha reunión cos actores implicados no reparto urbano para avanzar no modelo sostible de última milla

A proposta partiu do Concello de Lugo, que convocou aos diferentes axentes para garantir que o estudo de viabilidade se realice de forma consensuada e en coherencia coa futura ordenanza da Zona de Baixas Emisións.

A empresa adxudicataria, Think and Move, recolleu achegas sobre tonelaxe de vehículos, posibles plataformas loxísticas, horarios e necesidades específicas do reparto no centro histórico.

O concelleiro Mauricio Repetto destacou que “este estudo permitirá que Lugo poida optar a liñas de axuda europeas e situarse como referente nun modelo de reparto sostible, innovador e socialmente inclusivo”.

Mércores, 01 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local promove unha reunión cos actores implicados no reparto urbano para avanzar no modelo sostible de última milla

O Goberno local continúa a avanzar no marco do proxecto europeo Socilibre, financiado con fondos FEDER a través do programa Interreg Europe. Esta semana celebrouse no CEI Nodus unha reunión de traballo convocada polo Concello coa participación da empresa adxudicataria do estudo de viabilidade, Think and Move, e representantes dos principais actores implicados no reparto de mercadorías.

O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, subliñou que “a proposta desta reunión partiu do Goberno local porque queremos contar con todos os actores desde o primeiro momento. Só así poderemos deseñar un modelo realista, viable e beneficioso para o comercio, a hostalaría e a veciñanza”. Engadiu que “a mellor maneira de construír un modelo sostible é escoitar aos que cada día están no terreo, porque son quen mellor coñecen as necesidades e limitacións do reparto no centro histórico”.

O encontro permitiu analizar cuestións clave como os límites de tonelaxe para vehículos no recinto amurallado, a posible creación de plataformas loxísticas periféricas, os horarios de acceso, as singularidades dalgúns establecementos e a capacidade de carga dos diferentes tipos de vehículos. Estas achegas integraranse no estudo para que o modelo de reparto estea plenamente aliñado coa futura ordenanza da Zona de Baixas Emisións, que establecerá restricións de acceso, circulación e estacionamento no centro histórico para mellorar a calidade do aire e reducir emisións contaminantes.

O estudo de viabilidade, licitado por un importe de 32.404,99 euros, forma parte da asignación que Lugo recibe dentro do proxecto Socilibre (148.612,86 €, dos que 111.459,64 € proceden do FEDER). Este documento sentará as bases para deseñar un modelo de reparto de quilómetro cero, apoiado en vehículos de cero ou baixas emisións, que permitirá optar a futuras liñas de financiamento europeo tanto para a posta en marcha de hubs de distribución como para a adquisición de vehículos sostibles.

Repetto puxo en valor que “Lugo está a facer os deberes con antelación, traballando para ter proxectos maduros cando se abran as convocatorias europeas. Queremos ser dos primeiros en optar a fondos para crear hubs de reparto sostible e para renovar a flota de vehículos que entre no centro histórico”.

O concelleiro concluíu sinalando que “este proxecto non só fala de reducir emisións, senón tamén de cohesión social, porque queremos que o reparto de última milla sexa unha oportunidade de emprego digno para colectivos que hoxe teñen máis dificultades de inserción laboral. É unha aposta por un Lugo máis sostible e inclusivo”.

Audio

  • Mauricio Repetto, sobre a reunión cos actores implicados no reparto urbano | Descargar mp3

Multimedia

  • O Goberno local promove unha reunión cos actores implicados no reparto urbano para avanzar no modelo sostible de última milla

Noticias relacionadas