O goberno de Lara Méndez lembra nunha campaña a importancia de apoiar ao comercio local tras a crise sanitaria

‘Botámoste de menos... e queremos verte moi pronto’ é o lema desta iniciativa para pór en valor a proximidade das pequenas e medianas tendas dos barrios de Lugo

 “Cando todo finalice, debemos volver aos negocios locais con máis forza que nunca para contribuír entre todos á recuperación da cidade”, sostén a alcaldesa

Mauricio Repetto, edil de Desenvolvemento Local, área que lanza á iniciativa, anima a non esquecerse “que son os establecementos dos nosos veciños”

Sábado, 28 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez lembra nunha campaña a importancia de apoiar ao comercio local tras a crise sanitaria

Baixo o lema ‘Botámoste de menos... e queremos verte moi pronto’, o Concello de Lugo, a través da área de Desenvolvemento Local e Emprego, lanza unha campaña de marketing pensando no día despois da crise sanitaria para apoiar ao comercio local. “Cando todo finalice, debemos volver aos negocios de proximidade, aos locais dos nosos barrios, con máis forza que nunca para contribuír entre todos á recuperación da cidade”, sostén a alcaldesa, Lara Méndez.

A través desta campaña de ‘Lugo é Capital’, a marca municipal creada dende o Concello de Lugo como identidade que unifica ao comercio local, o goberno lucense quere lembrar a importancia de pór en valor a pequenas e medianas tendas, “que son as dos nosos veciños e veciñas, algo que é moi importante non esquecer porque desta crise sairemos se unimos as nosas forzas”, advirte o edil de Desenvolvemento Sostible e Emprego, Mauricio Repetto.

O fin desta iniciativa e incentivar e apoiar unha vez máis o consumo local en negocios que, debido ao estado de alarma, atravesarán momentos difíciles.  “Todos os comercios, salvo alimentación e bens de primeira necesidade, deben permanecer pechados, e por iso queremos que a xente tome conciencia de que en  Lugo existe unha variedade ampla de comercios e que non será necesario desprazarse a outros lugares como grandes superficies para facer as súas comprar, nin acudir a Internet”, explicou Mauricio Repetto.

O Goberno local lembra que esta campaña para salvagardar ás empresas, pemes e autónomos se suma ás medidas xa encamiñadas tanto a apoialas mentres dure o confinamento como a axudalas a remontar despois.

Entre elas destacan as adoptadas co fin de que poidan dispor de maior liquidez para afrontar esta situación durante o tempo que dure o estado de alarma como o aprazamento do cobro dos 22 millóns que se recadan do IBI, a exoneración do pago dos alugueres municipais a empresarios e placeiros ou a suspensión das liquidacións polo cobro das terrazas, entre outras taxas, así como o compromiso do pago de todas as facturas do Concello cos seus provedores nun prazo inferior a dous meses.

Ademais, poranse en marcha apoios a través do plan de continxencia que conta cunha partida específica de 5 millóns de euros para axudas directas.

Noticias relacionadas