O Goberno de Lara Méndez habilitará unha liña de axudas de 5 millóns para axudar a pequenas empresas, autónomos e familias

As mesmas se centrarán no eido social e económico e poderán ser complementarias ás que adopte o Goberno Central para paliar os danos das medidas preventivas contra o COVID19
Domingo, 15 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez habilitará unha liña de axudas de 5 millóns para axudar a pequenas empresas, autónomos e familias
O Goberno local de Lugo, tras as medidas adoptadas no día de onte polo Goberno do Estado con motivo Estado de Alarma, decidiu hoxe, a proposta da alcaldesa Lara Méndez, habilitar unha liña de axudas de 5 millóns de euros destinados a paliar os danos que poidan provocar as medidas preventivas contra o coronavirus tanto nas pequenas e medianas empresas como nos autónomos e empregados por conta allea, así como nas familias.
 
“Temos a capacidade pola boa situación económica do concello e temos a preocupación polo que vemos necesario actuar e dar resposta ás perdas e cargas que vai provocar este crise sanitaria á veciñanza de Lugo”, sostivo a rexedora.
 
Lara Méndez mantivo unha reunión esta mañá de urxencia con todo o Goberno local para abordar estas medidas de estímulo, que serán axudas directas. Centraranse nos eidos social e económico e poderán ser complementarias ás que anunciou xa o Goberno central.
 
Eido social
 
Habilitaranse axudas para a conciliación en familias con nenos e nenas menores de 13 anos e para as que teñan ao seu cargo a persoas dependentes, e que en ambos os dous supostos necesiten contratar a persoal de apoio. “Falamos das familias que xa non poden levar aos fillos á gardería ou ao colexio e das persoas ás que xa non se lles pode prestar apoio a través do Centro de Día porque estes servizos están pechados, así como doutras situacións novas que poidan xurdir”, sostén a alcaldesa.
 
Tamén se incluirán axudas para o aluguer para aquelas persoas que se vexan afectadas economicamente por esta situación excepcional e incrementarase a partida por emerxencia social para protexer a aquelas persoas que queden en situación de vulnerabilidade.
 
Eido económico
 
As axudas estarán dirixidas á amparar aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas que vexan paralizadas a súa actividade a causa desta crise sanitaria, pero tamén a empregados por conta allea que se queden sen emprego, de “xeito que paliaremos a perda económica daquelas persoas que se queden en paro e cobren a prestación e polo tanto, que recibirán só unha porcentaxe do seu salario, así como daqueles traballadores que aínda non xeraron os dereitos para poder cobrar o desemprego. A nosa intención é que poidan manter a súa renda”, argumentou Lara Méndez.
 
Ademais, o Goberno local tamén habilitará axudas co fin de incentivar que as empresas non acudan a un ERTE.
 
Poderán ser beneficiarios destas medidas os autónomos e empresas con sede en Lugo, os establecementos do municipio e os traballadores e traballadoras empadroados na cidade. Estas medidas se concretarán nun desenvolvemento regulamentario, no que se traballará nos vindeiros días.
 
Audio
  • O Goberno Local de Lugo, sobre as axudas do Coronavirus | Descargar mp3

Noticias relacionadas