A gastronomía lucense súmase á conmemoración do 25º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade cunha creación culinaria especial inspirada no monumento

A iniciativa permitirá que durante tres días doce establecementos da cidade ofrezan unha tapa exclusiva para celebrar o aniversario, reforzando o vínculo entre patrimonio, identidade e cultura gastronómica.

A proposta forma parte do programa municipal deseñado para involucrar a toda a cidadanía e aos sectores económicos e sociais na celebración dun cuarto de século de recoñecemento internacional.

O alcalde agradeceu expresamente o compromiso dos locais participantes, que serán agasallados cun distitintivo especial para a ocasión,  “por cotribuír coa súa creatividade a facer desta celebración unha exaltación da nosa identidade culinaria”.

Mércores, 26 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A gastronomía lucense súmase á conmemoración do 25º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade cunha creación culinaria especial inspirada no monumento

A Alcaldía de Lugo, en colaboración coa Asociación Provincial de Hostelería de Lugo (APHL), organiza unha iniciativa gastronómica especial para celebrar o 25º aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. Durante os días 28, 29 e 30, veciños, veciñas e visitantes poderán degustar unha tapa creada especialmente para esta efeméride en doce establecementos da cidade, nunha proposta pensada para que a conmemoración chegue tamén aos espazos cotiáns e aos elementos que forman parte da identidade lucense.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, explicou que esta acción nace coa vontade de unir dous sinais de identidade: a Muralla e a gastronomía. “Quixemos que esta celebración chegase a todos os espazos posibles da vida da cidade, e a hostalería é un sector esencial para entender o que somos. A creación dunha tapa especial serve para poñer en valor a nosa tradición culinaria e para reforzar esta conmemoración cun elemento próximo, popular e moi querido pola cidadanía”, afirmou o rexedor. Engadiu ademais que “a Muralla representa a nosa historia colectiva e a nosa memoria, e a gastronomía representa a creatividade, a hospitalidade e o talento da xente de Lugo; unir ambas expresións culturais é unha maneira de reivindicar quen somos e de celebralo con orgullo”.

O alcalde de Lugo, Miguel fernández, expresou o seu agradecemento pola implicación da Asociación Provincial de Hostelería de Lugo APHL e, de maneira especial, dos profesionais que se sumaron á iniciativa, cuxos locales serán agasallados cun distitntivo especial por esta colaboración. Participan nesta edición os establecementos: Cachivaches, Glam Taoo, Gran Café, Karrusel, La Perdiz, O Postigo, Pasarela, Porta Santiago, Saxo, Taberna Daniel, Tapería O Peque e Toni Portela, que ofrecerán durante tres días unha elaboración exclusiva inspirada na Muralla. O alcalde subliñou que “esta iniciativa non sería posible sen a vontade e o compromiso dun sector que sempre responde cando Lugo o necesita; agradecemos profundamente a súa creatividade e a ilusión coa que se implican en accións que dan vida á cidade”.

As tapas poderán degustarse durante os días 28, 29 e 30, ofrecendo unha experiencia culinaria única que combina tradición, inspiración histórica e produto local, e contribuíndo a que a celebración do 25º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade se viva tamén a través da gastronomía, un dos elementos máis recoñecidos e valorados da identidade lucense.

Noticias relacionadas