O Goberno de Lara Méndez lanza hoxe a plataforma Abrindo Lugo para impulsar agora a compra online e consumir tras o confinamento

Conta de inicio con 39 establecementos do municipio, pero os comercios poden seguir adscribíndose de maneira gratuíta a través do formulario da mesma web
 
A alcaldesa efectuou a primeira compra “pensando xa no Día da Nai’ e animou a todos as e os lucenses a involucrarse pois “é momento de aportar cada un, na medida das súas posibilidades, para contribuír a salvar o comercio local”
 
Xa están dispoñibles máis de 130 bonos con descontos de entre o 15 e o 40% para consumir nunha gran variedade de establecementos cando reabran

Venres, 24 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez lanza hoxe a plataforma Abrindo Lugo para impulsar agora a compra online e consumir tras o confinamento

Preto de 40 comercios lucenses sumáronse xa á iniciativa ‘Cos de Sempre’, promovida polo Concello, da man da Federación de Comercio e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, para impulsar a compra anticipada online mentres dure o confinamento.

O Goberno de Lara Méndez puxo en marcha este venres a plataforma municipal ‘Abrindo Lugo’, xestionada pola Federación, a través da que se poden mercar bonos con descontos nos establecementos participantes para consumir cando reabran as súas portas. Así o avanzou a rexedora, quen efectuou a primeira compra a través da nova web www.abrindolugo.gal, que xa se atopa en funcionamento.

A alcaldesa, que comprou o seu primeiro bono, “pensando xa no Día da Nai’, destacou “a boa acollida que está a ter esta iniciativa entre os comerciantes lucenses, pois nestes primeiros días xa se adheriron 39 establecementos, poñendo a disposición da cidadanía máis de 130 bonos de diferentes importes para comprar con importantes descontos que oscilan entre un 15 e un 40%. Cómpre subliñar tamén a ampla variedade de locais participantes: dende hostalaría, tendas de moda, papelerías, pasando por diferentes servizos como fisios, estilistas, planificadores de eventos ou tendas de fotografía, entre outros moitos”.

Así mesmo, Lara Méndez lembrou que “hoxe, máis ca nunca, é momento de arrimar o ombro e aportar cada un, na medida das súas posibilidades, o seu gran de area para contribuír a salvar o comercio local. Por iso, quero animar a toda a veciñanza a involucrarse neste proxecto para apoiar, entre todos, aos comerciantes que máis están a sufrir o parón da súa actividade e, deste xeito, evitar que os establecementos de proximidade, teñan que pechar as súas portas por falta de liquidez”.

Esta plataforma enmárcase na campaña ‘Lugo é Capital’ que ten en marcha o Concello a través da área de Desenvolvemento Local, a cargo do edil Mauricio Repetto, para dinamizar as compras no comercio lucense e potenciar a imaxe dos pequenos establecementos da cidade.

A través da web ‘Abrindo Lugo’ os veciños e veciñas poderán adquirir tíckets ou bonos nas tendas, restaurantes, bares e demais establecementos participantes, que serán trocados cando se restableza a situación de normalidade. Así mesmo, para efectuar a compra non será preciso rexistrarse, aforrando tempo e facilitando o proceso.

Os comerciantes lucenses e autónomos interesados en adherirse a esta iniciativa poderán continuar facéndoo, de xeito totalmente gratuíto, premendo nun botón específico, situado na parte superior da páxina web, que conducirá ao formulario de inscricións.

Funcionamento

O funcionamento da web é sinxelo. A cidadanía poderá atopar un listado de establecementos participantes ou buscar o negocio co que queren colaborar mercando algún dos bonos para consumir neles. Unha vez introducidos os seus datos, habilitarase unha pasarela de pago que permitirá abonar o custe do tícket ou bono, sen ningún tipo de comisión, e finalmente recibirán a confirmación da súa compra, que poderán desfrutar unha vez reabran os comercios.

Así mesmo, dentro da web habilitarase tamén unha opción denominada “Tícket solidario”, que permitirá a toda a cidadanía facer unha aportación voluntaria ao comercio e á hostalaría lucense. Os fondos que se recaden a través deste recurso benéfico, serán repartidos proporcionalmente entre os diferentes establecementos adheridos á iniciativa.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez sobre a plataforma "Abrindo Lugo" | Descargar mp3

Máis info

Noticias relacionadas