O Goberno de Lugo acusa ao PP de manipular á cidadanía sobre o futuro da macroplanta de biometano proxectada en Coeses

Jorge Bustos lembra que o proxecto foi declarado PIE pola Xunta, o que supón que sexa de competencia supramunicipal, e que o Concello non ten competencias ambientais.

O edil de Urbanismo pide unha regulación autonómica clara que impida situar instalacións desta escala preto de núcleos de poboación.

“A única responsable é a Xunta do PP; pretender responsabilizar ao Concello é unha manobra para tapar as súas propias vergoñas”, sinala.

Xoves, 31 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo acusa ao PP de manipular á cidadanía sobre o futuro da macroplanta de biometano proxectada en Coeses

O Goberno local acusou durante o transcurso do pleno celebrado esta mañá ao grupo municipal do Partido Popular de intentar manipular á opinión pública sobre o futuro da planta de biometano proxectada en Coeses, un proxecto que foi declarado Proxecto Industrial Estratéxico pola propia Xunta de Galicia, asumindo esta todas as competencias en materia de avaliación ambiental.

“Imos votar a favor de modificar a ordenanza ainda sabendo que non vai solucionar o problema. Esta proposición (en alusión a inicitiva presentada polo PP) ten o único obxectivo de intentar responsabilizar a Administración local dun problema xerado polo Goberno auntómico: pero para que a veciñanza non teña dúbidas, ímos respaldala e evitar que se difame máis sobre este asunto”, indicou.

O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, afeou ao PP que intente agora esconder a responsabilidade da administración autonómica tras falsas acusacións ao Concello, cando é coñecido que se trata dun proxecto supramunicipal, e polo tanto, fóra do alcance da ordenanza local de medioambiente á que fan referencia. “A portavoz do PP, Elena Candia, sabe perfectamente que a capacidade de decisión sobre o impacto ambiental é exclusivamente da Xunta, pero prefire desinformar antes que asumir responsabilidades”, declarou.

Bustos explicou que, se de verdade hai vontade de protexer á veciñanza, “o que hai que facer é lexislar a nivel autonómico para impedir que este tipo de macroplantas poidan instalarse preto dos núcleos de poboación do mesmo xeito que se está a facer no sector eólico.”

“Este é un intento claro de manipular á poboación con fins políticos. O obxectivo é crear desafección entre os veciños e veciñas de Coeses e do conxunto do municipio, facéndolles crer que a responsabilidade está repartida, cando non é así. Neste asunto hai un único responsable: o Goberno da Xunta do Partido Popular”, denunciou o edil.

Desde o Goberno local esíxese ao PP que deixe de actuar con cinismo e electoralismo e que asuma o custo político das decisións adoptadas pola Xunta, que é quen impulsou o proxecto coa declaración de PIE e así mesmo intentou blindalo proxecto desde o primeiro momento. “ Por máis que se queira enmarcarar a realidade é a que é. E os que estivemos desde o primeiro momento rexeitando este proxecto que non ten cabida no noso modelo de municipio fomos as frozas que forman o Goberno local”, explicou tras o remate da sesión.

Noticias relacionadas