O programa bota a andar este venres co Talent Day, unha xornada práctica de traballo colaborativo e primeiros pitches no Edificio Impulso Verde.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, salientou que con TurisTalent “reforzamos a competitividade do noso sector turístico e enogastronómico ao tempo que apoiamos o talento emprendedor que nace en Lugo.”
O alcalde Miguel Fernández destacou que “TurisTalent 5.0 é unha oportunidade única para apoiar o talento emprendedor, impulsar ideas innovadoras e reforzar a competitividade do noso sector turístico e enogastronómico.”

O Concello de Lugo pon en marcha a primeira edición de TurisTalent 5.0, a aceleradora municipal de turismo e enogastronomía pioneira en Galicia. A iniciativa contará con 12 proxectos innovadores que participarán nun proceso intensivo de acompañamento que se prolongará ata xaneiro de 2026. O inicio terá lugar este venres no Edificio Impulso Verde co Talent Day, unha xornada de benvida, traballo colaborativo e primeiros pitches.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, explicou que con TurisTalent “reforzamos a competitividade do noso sector turístico e enogastronómico ao tempo que apoiamos o talento emprendedor que nace en Lugo.” Repetto incidiu en que “esta aceleradora nace cunha clara vocación de futuro: queremos que as ideas innovadoras que xorden arredor do noso patrimonio, da dixitalización ou da sostibilidade teñan un espazo para consolidarse e crecer desde Lugo.”
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que “TurisTalent 5.0 é unha oportunidade única para apoiar o talento emprendedor, impulsar ideas innovadoras e reforzar a competitividade do noso sector turístico e enogastronómico.” O rexedor engadiu que “os equipos participantes estarán acompañados durante todo o proceso para que as súas ideas se convertan en realidades empresariais viables, xerando emprego cualificado e novas oportunidades para o noso territorio.”
O Talent Day servirá como primeira toma de contacto cos equipos seleccionados, que participarán en dinámicas de traballo colaborativo, talleres prácticos e simulacións de pitch. Cada startup presentará a súa proposta en dous minutos, que serán gravados para a súa análise e valoración posterior. A xornada inclúe tamén sesións de perfeccionamento da comunicación con expertos e espazos de networking.
Proxectos seleccionados
Entre os participantes atópanse propostas moi diversas que abranguen desde experiencias turísticas inmersivas ata solucións dixitais de nova xeración. Lugo 5 Sentidos aposta por unha experiencia sensorial na cidade combinando visitas guiadas, degustacións e interacción histórica, mentres que ALMA propón unha plataforma dixital de paquetes turísticos para poñer en valor o patrimonio menos coñecido dos municipios. No ámbito do Camiño de Santiago, Barvantia ofrece unha alternativa que une a viaxe en autocaravana ou camper con asistencia e vivencias locais.
A museoloxía innovadora chega da man de Master of Museums (LUCUS Arqueolóxico), que gamifica a visita a museos a través de tecnoloxía NFC, app e un códice físico. Pola súa parte, TheOK.app traballa en ferramentas de escoita activa para destinos intelixentes, e Raíces – Reconecta contigo presenta unha proposta de benestar baseada en baños de bosque, ioga e actividades híbridas.
Tamén destacan iniciativas dixitais como Tutapeo, que emprega intelixencia artificial para mellorar a visibilidade dos locais HORECA e crear rutas personalizadas, ou Saberes da Terra, centrado en turismo gastronómico e cultural con obradoiros, eventos e meal kits. A Casa da Memoria combina cultura, arte, memoria histórica e unha área camper sostible, mentres que Camino y Sabor aposta por experiencias enogastronómicas sostibles con produtores locais e rutas personalizadas.
O traballo remoto intégrase co turismo en WorkFromGalicia, que ofrece servizos para viaxeiros e peregrinos que desexen combinar estancia e teletraballo. Finalmente, Doris Repostería achega un proxecto de repostería galega artesanal, creativa e sostible, elaborada con ingredientes locais.
O programa, enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Et Edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía”, conta con 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation e buscará fortalecer a posición de Lugo como destino turístico innovador. Entre os seus obxectivos tamén está desestacionalizar o turismo e converter á cidade nun referente europeo neste tipo de iniciativas, potenciando un modelo sostible baseado na innovación e na enogastronomía.
Con esta primeira edición, Lugo consolídase como referente en innovación turística e enogastronómica, converténdose no primeiro municipio galego en contar cunha aceleradora propia especializada neste sector.
Sobre TurisTalent 5.0
TurisTalent 5.0 é a aceleradora pública do Concello de Lugo que impulsa proxectos de turismo e enogastronomía con alto potencial de inversión e xeración de emprego. Este programa conta con catro fases: Academia (outubro-novembro de 2025), na que os proxectos seleccionados recibirán sesións de formación e mentoría personalizadas, así como networking con emprendedores e expertos sectoriais; TurisTalent Day (setembro 2025), como colofón da Academia presentaranse os proxectos ante o Comité Técnico, que avaliará cada un deles para pasar á seguinte fase; Aceleración (novembro 2025 – xaneiro 2026), traballo intensivo en escalabilidade, modelo de negocio e acceso ao mercado, cun acompañamento individual de mentores e especialistas; e o Investors Day (xaneiro 2026), no que se realizará unha presentación final ante un panel de investidores públicos e privados, tanto nacionais como internacionais. Esta fase final permite conectar directamente con potenciais socios estratéxicos, abrindo portas á captación de capital e á consolidación no mercado.
Audio
- O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sobre a primeira edición do TurisTalent 5.0 | Descargar mp3


