O presidente da APEHL, Cheché Real, informou á edil de Cultura Maite Ferreiro dos avances na presente edición "do certame gastronómico máis importante de Lugo".
O concurso celebrarase entre o 7 e o 23 de novembro, e contará con sorteos para as persoas que degusten as distintas tapas participantes.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo un encontro co presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, para coñecer os avances realizados na XX edición do Concurso de Tapas de Lugo, que terá lugar entre o 7 e o 23 de novembro. Ferreiro destacou que este ano participarán "máis de 40 establecementos de hostalería de Lugo", e afirmou que o Concurso de Tapas é "o certame gastronómico máis importante da cidade"
Maite Ferreiro destacou "a importancia do concurso de Tapas para a cidade e para a nosa promoción turística como destino sostible, así como para a hostalería local". Pola súa banda, Cheché Real destacou "o compromiso da área de Turismo co sector da hostalería na realización deste concurso"
Entre o 7 e o 23 de novembro os locais participantes ofertarán as súas tapas a todas as persoas que o desexen, que exercerán de xurado popular para escoller a tapa gañadora do concurso e as finalistas, que serán avaliadas posteriormente por un xurado profesional.
As persoas que o desexen, poderán votar as distintas tapas mediante un cupón de votación individual, que deberá ir selado polos establecementos participantes. Cada tapa poderá ser puntuada cunha nota do 1 ao 5. Todos os cupóns presentados participarán no sorteo de distintos premios e, segundo o número de establecementos que se puntúen, as veciñas e veciños participantes poderán gañar distintos premios.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o concurso de tapas | Descargar mp3

