Ferreiro: "O Concurso de Tapas, que chega este ano á súa vixésima edición, é o certame culinario máis importante de Lugo".
O concurso celebrarase entre o 7 e o 23 de novembro, e contará con sorteos para as persoas que degusten as distintas tapas participantes.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento Iria Buide, presentaron xunto co presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, o cartaz da XX edición do Concurso de Tapas de Lugo, que terá lugar entre o 7 e o 23 de novembro. Ferreiro destacou que este ano participarán "máis de 40 establecementos de hostalería de Lugo", e afirmou que o Concurso de Tapas é "o certame gastronómico máis importante da cidade".
Maite Ferreiro destacou "a importancia do concurso de Tapas para a cidade e para a nosa promoción turística como destino sostible, así como para a hostalería local". Pola súa banda, Cheché Real destacou "o compromiso da área de Turismo co sector da hostalería na realización deste concurso".
Entre o 7 e o 23 de novembro os locais participantes ofertarán as súas tapas a todas as persoas que o desexen, que exercerán de xurado popular para escoller a tapa gañadora do concurso e as finalistas, que serán avaliadas posteriormente por un xurado profesional.
As persoas que o desexen, poderán votar as distintas tapas mediante un cupón de votación individual, que deberá ir selado polos establecementos participantes. Cada tapa poderá ser puntuada cunha nota do 1 ao 5. Todos os cupóns presentados participarán no sorteo de distintos premios e, segundo o número de establecementos que se puntúen, as veciñas e veciños participantes poderán gañar distintos premios.
Nesta edición, o Concurso de Tapas contará coa participación dos restaurantes 3pés, A Laxa, Anda, Antas, Ave César, Bulló Xantar, Casa D'Auga, Colmado 1769-Pazo de Orbán, Desnivel Tapas e Copas, Devega, Eduri, El Boni, El Dotmas Bar, Galo, Gran Café, Hotel Mercure Lugo - Brasas Brancas, Karrusel, La Cosechera 1977, La Pepita Burger Bar, La Terraza del Méndez, Las Cinco Vigas, Malizzia Street Food, Mesón El Castillo, O Castor, O Cincuenta e Seis, O Figón, O Mercado Casa de Comidas, O Portalón do Gordo, O Pote, Orixe do Campo, Ourizo, Paprica, Parada 33, Pasarela, Portal 36, Prebe by Bret, Pulpería O Castelo, San Marcos Café, Santeiro's Terraza, Taberna Pimentel, Tapería Beira, Tapería O Peque, Toni Portela.


