O Goberno de Lara Méndez incrementou un 15% o gasto medio por habitante durante a pandemia

A Conta Xeral de 2020 sinala, ademais, unha execución, nese exercicio, do 83% do gasto comprometido que superou os 104 millóns de euros.

Os indicadores económicos que reflicte o balance apuntan a que a solvencia a curto prazo do Concello de Lugo se sitúa no 527%

O documento será presentado aos grupos da Corporación a mediados de setembro, para a súa remisión ao Tribunal de Contas no prazo legal establecido.

Xoves, 26 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez incrementou un 15% o gasto medio por habitante durante a pandemia

O Goberno de Lara Méndez incrementou, durante a pandemia, o gasto medio por habitante nun 15% pasando dos 795’46 euros investidos en 2019 aos 909’88 € que recolle a Conta Xeral de 2020.

“Un esforzo que se contrapón á merma da recadación municipal, derivada do impacto da COVID na actividade económica e social do municipio e que fixo diminuír en 4 millóns de euros os ingresos obtidos no pasado exercicio, pero que, á vez, evidencia a vontade da rexedora por manter as prestacións públicas e mesmo incrementalas para paliar as consecuencias da crise sanitaria”, salientou a tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos.

A edil de Gobernanza destacou tamén que o balance contable do Concello certifica que a Administración local executou ese ano o 82’92% do gasto comprometido ao efectivizar o pago de 86’65 millóns de euros dos 104.500.423 que se adxudicaron.

“Cartos que supoñen en torno ao 70% do orzamento definitivo (149.572.823 €) e que empregamos para facer fronte ás necesidades urxentes que agromaron da man do coronavirus pero que tamén foron destinados a garantir o correcto desenvolvemento de servizos que, neste tempo, demostraron o seu carácter esencial como a limpeza viaria e desinfección do mobiliario urbano, a recollida do lixo, as axudas de alugueiro e emerxencia social ou as actividades, en calquera do seus formatos, coas que se tratou de permitir a socialización e a conciliación familiar, dunha maneira segura, tanto na contorna urbana como na rural, para todos os públicos: crianzas, mocidade e tamén as persoas maiores que foi un dos colectivos que sufriu unha maior vulnerabilidade”, sinalou Paula Alvarellos.

A responsable da área económica lembrou, así mesmo, algúns dos proxectos licitados durante o 2020 que se foron materializando nese exercicio e que “tamén se sufragaron con cargo aos orzamentos que contempla a Conta Xeral. É o caso dos novos centros de convivencia Paco Martín - na Piringalla – e da Abella; do recentemente inaugurado parque de Novo Freire; da humanización de Quiroga Ballesteros; o acondicionamento do Carme ao seu paso polo Camiño Primitivo; a renovación de rede de distribución de auga en 14 rúas da cidade, a creación da senda verde ciclista e de varios estacionamentos alternativos na súas inmediacións, a reparación e mellora de medio cento de vías no rural, entre un longo etcétera. Obras que se puxeron en marcha durante o 2020 a pesar dos tres meses de paralización de prazos administrativos que impuxo o Estado de Alarma e que condicionou e lastrou á maioría dos procedementos licitados ese ano”, referiu a concelleira.

Alvarellos Fondo indicou, tamén, que o documento será presentado aos grupos da Corporación a mediados de setembro, para a súa remisión ao Tribunal de Contasdentro do prazo legal establecido, “o que dá traslado do bo facer do persoal municipal na execución do seu traballo” e, unha vez máis, quixo poñer de manifesto “a solvencia da Administración local que reflicten as contas nas que se mantén a débeda financeira a cero e se alcanzan excelentes resultandos en indicadores económicos tan importantes como a liquidez inmediata – que se sitúa no 253’45% - ou a solvencia a curto prazo (527’46%)”, concluíu a edil de Gobernanza.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o gasto medio por habitante durante a pandemia | Descargar mp3

Noticias relacionadas