O Goberno de Lara Méndez abrirá unha oficina para informar e coordinar os labores de axuda ao pobo ucraíno

A alcaldesa sostén que será un punto de encontro para poder dar resposta ás inquedanzas da cidadanía e axudar a canalizar mellor o gran movemento de solidariedade.

Xoves, 10 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez abrirá unha oficina para informar e coordinar os labores de axuda ao pobo ucraíno

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou a pronta apertura dunha oficina de información nas instalacións municipais para dar respostas á poboación solidaria e axudar a coordinar a axuda ao pobo ucraíno. Subliñou que “o obxectivo é canalizar e atender todas as peticións solidarias e ofrecementos de colaboración que nos están a chegar nestes días”.

Neste senso, Lara Méndez explicou que “dende o Concello estamos a traballar en dúas liñas, por unha banda na coordinación con outras administracións   e organismos oficiais, para facilitar a chegada de cidadáns ucraínos ao noso territorio, garantizándolles todos os dereitos como cidadáns, de xeito que teñan acceso a vivenda e a cobertura sanitaria, educativa e legal, así como plena capacidade de inserción no mundo laboral. Onte mesmo, participábamos con alcaldes de toda España no deseño dun plan de recepción e acollida de refuxiados coa FEMP”.

“E por outra banda, na coordinación da propia acción voluntaria dos cidadáns, pois estamos a recibir numerosas chamadas de lucenses que desexan colaborar. Así, a través desta nova oficina, que poremos en marcha o máis axiña posible, buscamos crear un punto de información, dende o que se trasladarán as necesidades concretas da poboación ucraína e as posibles vías para dar resposta ás súas demandas”, explicou a rexedora.

A atención deste punto informativo, que estará en permanente contacto coa área de Benestar, se conveniará coa algunha das asociacións solidarias que están a traballar neste senso.

A concelleira de Benestar, Ola López, sostivo que as organizacións que traballan sobre o terreo estannos a informar que recomendan canalizar a axuda á cidadanía a través de doazóns económicas máis que por material humanitario.

Paralelamente, o Concello elaborará dous rexistros. Un de persoas que están en disposición de acoller refuxiados nos seus domicilios, ás que se lles informará polo miúdo do que implica esta acollida “dado que estamos a falar dun país que vai a permanecer en guerra por un tempo indeterminado, agardamos que o menor posible, pero que cando remate vai a pasar tamén por unha fase de reconstrución, polo tanto debemos concienciar do que implica esta colaboración”.

E un segundo rexistro de persoas que están dispostas a axudar noutros aspectos, diferentes ao da acollida. “Neste rexistro quedará constancia das persoas que queren colaborar e do tipo de axuda que poden ofrecer, para poder solicitar a súa colaboración cando sexa necesario en función das necesidades”, explicou Lara Méndez.

“Ao mesmo tempo, dende o Concello estamos a realizar contactos con outras entidades e organismos para aumentar as vías de colaboración, estudando que sectores teñen capacidade de axuda para ofrecerlles novas posibilidades de colaboración”, engadiu.

Noticias relacionadas