O Gabinete Municipal de Accesibilidade acorda distintas actuacións para seguir avanzando nunha cidade máis accesible

O Concello está a acometer a sinalización de 43 novas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos da cidade

Venres, 13 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Actuacións para seguir avanzando nunha cidade máis accesible

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, informou este venres de distintos acordos que adoptou esta mañá o Gabinete Municipal de Accesibilidade, coa finalidade de seguir avanzando nunha cidade máis accesible.

Neste senso, a Concelleira deu conta que dende o Gabinete de Tráfico da Policía Local estanse a levar a cabo a sinalización de 43 novas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos da cidade.

Ademais nos próximos días levaranse a cabo obras de accesibilidade en varias rúas da cidade, como a Avenida da Coruña, Rúa Caravel, Rúa Montevideo, Ronda da Muralla, Rúa do Teatro ou Rúa Lamas de Prado, entre outras.

Na xuntanza acordouse realizar a renovación do mobiliario urbano e a posta en funcionamento de colectores adaptados para persoas con mobilidade reducida. Tamén se acordou a creación dunha comisión integrada por representantes de diferentes asociacións, hostaleiros e axentes socioeconómicos da cidade, co apoio de persoal técnico aos efectos de estudos e valoración de diferentes propostas que impulsen a Lugo como unha cidade accesible.

Outro acordo adoptado foi o de estudar a creación dunha marca cun logotipo que difunda un Lugo accesible e se converta nun símbolo de calidade. Estudarase se é posible que nos cursos que imparte o Concello se teña en conta a diversidade funcional. Ademais acordouse estudar a posibilidade de esixir formación en linguaxe de signos ao persoal que desenvolve as súas funcións nos museos municipais.

Noticias relacionadas